Opinión

A volta do Rei

A viaxe do Rei a Sanxenxo está loxicamente a ser aproveitada polos críticos da monarquía para facer campaña en contra de tal institución. Certo é que Don Juan Carlos non se portou de forma moi exemplar no pasado nin segue a facelo, porque detrás desta visita a Galiza é facilmente perceptíbel certa dose de vinganza contra o seu fillo. Buscar como escusa para a volta algo que pode parecer frívolo como unha regata nun lugar asociado ao lecer como é a vila galega, en vez de usar algún funeral ou homenaxe como escusa para facer a viaxe, non parece amosar moi boa intención pola súa parte. O rei Felipe tampouco parece saber ben como tratalo ao non recibilo na súa residencia e ao non comunicarse máis que o mínimo co seu pai. Filtracións interesadas desta relación tampouco axudan a dar boa imaxe do actual monarca, quen canto máis se distancia máis se deteriora a súa imaxe ao aparecer como un ser ingrato que renega do seu propio pai, quen foi o que o colocou no posto e foi capaz de revivir e consolidar a institución, e en tempos que xa non eran bos para ela. Se non lembro mal, foi a última reinstauración monárquica no mundo, ou sexa que, con independencia da valoración política que merezan as condicións nas que se produciu a reinstauración monárquica, algo de mérito e capacidade política amosou. Capacidade da que ao meu entender carece o actual rei, quizás porque todo se lle deu feito, incluíndo o salto na liña sucesoria por riba das súas irmás. Agardo que algún día se explique de quen saíu a iniciativa e o porqué da inclusión da cláusula que discrimina a muller á sucesión do trono, redactada nun tempo no que ese tipo de restricións xa non se levaba en ningunha monarquía europea.

Dito isto, non quero sumarme á crítica merecida, pero fácil, da conducta do rei emérito. Sei polos medios de comunicación de moitas conductas inapropiadas, pero que requiren de certa matización para ser xustos e, sobre todo, para salientar que moitas delas moi probablemente non foron por completo iniciativa súa e foron se non inducidas si, cando menos, toleradas, polos sucesivos gobernos españois. Vexamos, un rei pola propia natureza da súa función é un cargo político permanente, e polo tanto ten a posibilidade de establecer relacións persoais prolongadas no tempo con moitos dirixentes doutros estados, especialmente cos que comparten con el a dignidade real. Isto crea relacións de confianza entre eles e tamén lle serve para coñecer a forma en que se estabelecen tratados e convenios internacionais de todo tipo. Por outra banda, basta con ler a prensa ou ver os noticiarios para constatar que son frecuentes as mobilizacións por parte de sindicatos e organizacións sociais solicitando carga de traballo para estaleiros ou todo tipo de empresas públicas ou privadas, que de non ser así verían súa existencia en perigo. Moita desta carga de traballo pode atoparse en países, digamos, non moi democráticos pero solventes e con ganas de modernizar súas infraestruturas ou súa mariña de guerra. A cuestión é como conseguir que eses países adquiran a nosa produción. Non sei exactamente como se fai neses países, pero intúo que non vai cos costumes de moitos deles o de usar portais de transparencia ou abrir plicas seladas diante de interventores de contas. De ser así non farían falla intermediarios, pero de non selo parece que si. E que mellor intermediario para conseguir carga de traballo que unha persoa que coñece os usos e as formas de funcionamento deses países culturalmente tan distintos? O lóxico e que quen fai eses traballos reciba algunha remuneración ou agradecemento. E o lóxico é, tamén, que, de cobrar, non o declare ao fisco, pois delataría tanto ao comprador como ao vendedor e rompería a confianza. Tamén é lóxico que quen usou os seus servizos non o recoñeza. De ser todo isto así, quen tería a culpa? Quen solicita ou quen cobra? Queda aí a cuestión.

Comentarios