Opinión

996 e a redución da xornada laboral

F oi Jack Ma o multimillonario chinés (pasa por ser o home máis rico da China) propietario do AliBaba e orgulloso militante do Partido Comunista da China quen popularizou o número 996 como a razón do éxito da súa empresa e por tanto da propia China Popular. A cifra fai referencia a unha xornada laboral de nove da maña a nove da tarde durante seis días nunha mesma semana, e a nosa personaxe dicía que quen non gostase dela era moi libre de buscar traballo noutra empresa. O comunismo chinés do século XXI, polo que se ve, non só louva as longas xornadas laborais senón que as ve como unha das razóns do éxito económico no seu país. Non en balde o xenro de Karl Marx, Paul Lafargue, xa maldicira os chineses como un dos pobos da terra que gostaban de traballar, no seu libriño de eloxio da preguiza. O marxismo occidental parece moi influído dende entón por este principio que parece buscar un futuro de lecer no cal o traballo será abolido ou reducido a súa mínima expresión pola confluencia do desenvolvemento tecnolóxico e a loita obreira por acadar menores xornadas.

E que aconteceu con outro dos pobos malditos por tan distinguido socialista, o galego? Segundo Lafargue a nosa nación é tamén, ou era no seu tempo, un pobo que gostaba do traballo e polo tanto pouco receptivo aos cantos de serea da preguiza e o dolce far niente do socialismo de corte marxista. Os chineses parece que foron quen de adaptar o socialismo as súas características nacionais e conservar as súas seculares tradicións no que respecta ao traballo, pero parece que nós tamén aquí estamos a esquecer os nosos riscos culturais. Moitos nacionalistas galegos lamentan a perda do idioma entre a poboación especialmente entre os máis novos pero non fan o mesmo con outros riscos culturais propios do noso pobo, quizás por consideralos de menor relevancia política. Pero a desgaleguización non é só no lingüístico, senón tamén en moitos outros elementos inmateriais entre os que se poden incluír as actitudes cara ao traballo ou o lecer. Neste último, por pór un exemplo, podemos constatar como moitos dos galegos máis novos xa rexeitan as formas propias de convivencialidade e adoptan por moda costumes como a do hispano "botellón" pensado para climas máis cálidos e menos chuviosos abandonando as vellas tabernas ou bares populares, máis adecuados á nosa climatoloxía e que permitían a convivencia interxeracional moderando moitos dos excesos que agora é común observar.

Pero tamén no mundo do traballo estase a proceder a unha desgaleguización a marchas forzadas dos nosos costumes. Influídos polas ideas globalistas da esquerda posmoderna a respecto do traballo, que prometen futuros sen traballo e vivindo de rendas básicas, e pola cultura carpe diem, marcada polos valores hoxe imperantes na sociedade, moitos galegos abrazan agora ideas novas entre nós a respecto do mundo laboral. Sei que a esquerda posmoderna española defende como algo natural estas posturas pero aínda así resúltame estraño que unha vicepresidenta galega alente posicións tendentes a reducir a xornada laboral, e máis nos tempos que corren, como vemos no caso chinés. Parecen actuar como se nada pasase no mundo e como se o mundo occidental fose o único existente e non houbese nun futuro próximo que pensar en competir con realidades laborais novas. A nova orde mundial da que tan atinadamente falan moitos compañeiros nestas páxinas vaise parecer máis á China que á que estamos acostumados a coñecer. É bo comezar a discutir como imos afrontalo. E non só por economía, tamén por patriotismo, pois xa basta de renegar dos valores propios e coller os de fóra, que serán todo o modernos que se queiran pero non son nosos.

Comentarios