Opinión

50 anos do informe do Clube de Roma

Fanse 50 anos do famoso Informe do Clube de Roma sobre os límites ao crecemento. Dende logo foi un dos libros máis influentes do século XX e segue a selo agora, con numerosas secuelas e libros e artigos de interpretación, o último deles, entre nós,

O colapso, de Óscar Pazos. Determinou no seu momento políticas como as da limitación da natalidade ou a política do fillo único do camarada Deng na China ou a preocupación xeopolítica polo esgotamento de recursos alimentares enerxéticos ou industriais. O debate foi reconducido a día de hoxe cos debates sobre o decrecemento ou a preparación para o colapso que supostamente está a piques de chegar, con excelentes libros como os de Manuel Casal Lodeiro, Carlos Taibo ou Antonio Turiel entre outros moitos.

O informe formula unha sofisticada análise coas mellores ferramentas de previsión tecnolóxica da época, mais a cuestión é que as consecuencias que eles prevían a cincuenta anos vista non se cumpriron, isto é fames xeneralizadas nos EUA nos anos 80, como prevía naqueles anos Paul Ehrlich, ou escaseza xeneralizada de recursos a nivel mundial. Nada disto se deu e moi probabelmente, salvo guerra ou catástrofe natural, non se vai dar polo menos nos próximos decenios.

E aínda por riba os modernos defensores destas teorías atoparon que xusto no aniversario da publicación do libro atopouse a forma de aproveitar a fusión do hidroxeno para obter enerxía, barata e sobre todo limpa.

De conseguirse, a descarbonización chegará practicamente soa, sen necesidade de medidas especiais para levala a cabo. Sei ben que se trata dunha mera posibilidade e de que, de poder facerse, a tecnoloxía non estará desenvolta até uns decenios, pero eses decenios son os mesmos que os que prevén unha sorte de colapso económico a medio prazo. 

Os argumentos dos que defenden o decrecemento e o colapso están ben fundados cientificamente e están moi razoabelmente expostos, de aí o seu atractivo e persuasión, mais creo que o problema con eles parte da propia definición do que é un recurso e dunha visión estática do problema, isto é non acreditan na intelixencia humana á hora de resolver os problemas que lle van xurdindo, moito máis cando hai cada vez máis intelixencias humanas habitando a terra e estas están cada vez mellor formadas para afrontalos.

O propio concepto de recurso é discutíbel porque non hai nada que en si o sexa, ou case que todo pode, a súa vez, selo. O recurso como o é en relación a algunha función ao servizo do ser humano, por exemplo mover unha máquina, e no caso de esta non existir non cabería falar do mesmo.

Un motor sen algún derivado do petróleo non funciona, é certo, pero é necesario deseñalo primeiro para que o gasóleo teña algunha utilidade, ou viceversa, é necesario primeiro ter a capacidade de refino para que poidamos ter a máquina. Dispor de tecnoloxía é algo previo a considerar algo como recurso. Esta é a razón de que cada vez teñamos máis recursos e non menos. Nosos antepasados só contaban coa leña. Despois apareceu o carbón e máis adiante o petróleo.

Hoxe o sol, o vento, os ríos, as marés, as correntes mariñas e determinados minerais antes non aproveitados como o uranio son usados para obter enerxía eléctrica (forma de enerxía tamén utilizada desde hai só uns decenios). E máis recursos que serán descubertos, porque só existe un recurso e este non ten un límite fácil de estabelecer, que é o enxeño humano, que tanto crea estes recursos como deseña os sistemas económicos adecuados para levalos adiante.

Comentarios