Opinión

40 anos de autonomía

Acadar un Estatuto de Autonomía fora de sempre o soño a alcanzar polos galeguistas dende os seus inicios, dado que aquí, salvo excepcións, nunca se tivera deseñado un modelo político dunha Galiza independente. Ten habido movementos cara a independencia pero nunca un proxecto acabado de como sería tal Galiza no que se refire á súa organización interna (centralista ou descentralizada) ou á súa relación cos países da súa contorna, dentro ou fóra da Unión Europea (UE), ou incluso  indo a cousas máis detalladas de que tipo de sistema monetario ou económico teríamos no caso de  nós non quedar na UE e nosos veciños si. Entón, o noso debate sobre a cuestión nacional ficou e fica reducido ao grao de competencias a acadar dentro do marco do Estatuto e do Estado autonómico. A valoración dos 40 anos de autonomía galega dende o punto de vista galeguista dá resultados dispares. É certo que en cuestións económicas ou sociais houbo evidentes mellorías. O nivel de vida sen dúbida aumentou, incluso  relativamente máis que noutros territorios españois, ao igual que houbo mellorías na atención sanitaria ou educativa. Os negativos, referidos ao pouco avance no autogoberno, xa foron ben analizados polo profesor Francisco Rodríguez o sábado pasado nestas páxinas. O que cabería debater é que papel xogou o nacionalismo galego nestes anos e se acertou ou non nas súas estratexias.

Quen levou o peso político e cultural nestes anos foi o nacionalismo de esquerda artellado en varias forzas políticas, que rematarían co tempo integradas case todas no BNG. De feito este foi organizativamente o seu maior éxito, consolidar unha forza política que servise de correa de transmisión das demandas políticas de moitos sectores sociais antes non representados. E xunto a consolidación política desta forza a de organizacións sindicais, ecoloxistas ou feministas de corte nacionalista. No seu ámbito o BNG foi quen de abrise aos novos movementos sociais e que estes ollasen con simpatía o mundo do nacionalismo. Tamén acertou o nacionalismo de esquerda neste período na súa oposición á Unión Europea, algo que algúns non soubemos ver, como tamén o fixo na súa defensa da lingua. Neste xornal debateuse se a politización da mesma contribuíu ou non á súa preservación, e neste punto acredito que si o fixo e se mantivo a súa presenza é en boa medida grazas a el.

O principal erro estratéxico creo que foi o de non saber aproveitar a explosión das nacionalidades que se deu tras a queda do espazo soviético. Facendo pedagoxía poderíase amosar como moitas pequenas nacións, máis pequenas en poboación e extensión coa nosa e todas máis pobres, poden perfectamente ir adiante soas e prosperar nun mundo globalizado. Quizás o feito de que ningunha delas optase por modelos socialistas de organización, mentres que as antigas metrópoles si conservaban algún resto do mesmo, fíxoos dubidar e non aproveitaron a oportunidade como si fixeran os galeguistas da Xeración Nós, que si aproveitaron a aparición de novas nacións en 1918, seguindo os principios da nacionalidade de Wilson.

E os nacionalistas de dereitas, diredes, que fixestes? Case nada. Nin organizativamente nin culturalmente podemos gabarnos de nada. Como moito resistir as pretensións máis españolistas do PP español ou dos sectores más centralistas do PP galego e algo aí se ten feito. Mais non son pesimista, queda moito por facer e por sorte a chama do galeguismo segue aínda acesa.

Comentarios