venres 28/01/22

Virus selectivo

O 15 de xuño lembramos a aprobación hai 37 anos dun marco legal fundamental para a reparación da lingua galega: a Lei de normalización lingüística.

Unha lei que de  acordo  co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía [...] asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo e que no artigo 22 determina que o Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega.

Parécenos inverosímil que exista outro marco regulador dun proceso vivo e social coma este inmutábel tantas décadas despois, como se aquela sociedade e a actual fosen as mesmas. Mais se cadra iso ten moito a ver coa falta de dirección técnica e política á que obriga a lei.

Agora que estamos a piques de ratificar nas urnas a necesidade dun cambio político en clave galega que xa é perceptíbel na sociedade, non esquecemos a nula atención ao proceso de normalización do goberno galego do PP na última década.

Non foi posíbel esquecer a presenza dalgúns dos seus membros en manifestacións explicitamente antigalegas e defensoras da separación das crianzas por razón de lingua na escola, asegurando Feijóo en plena campaña de 2009 que estas teses estaban dentro do seu partido.

Mais o ramo chegou agora cando, a piques de rematar un curso inédito, se anula a convocatoria de axudas a proxectos escolares de fomento do uso do galego por causa dun virus (ben selectivo) que, no entanto, nas mesmas circunstancias, semella non ter atacado outros proxectos educativos.

O futuro que cada vez máis queremos converter en pasado concretou unha estratexia desgaleguizadora, nomeadamente na escola, que fixo caso omiso da Lei de normalización lingüística e mais do Plan xeral de normalización lingüística de 2004, esnaquizando os pactos e consensos políticos e sociais conseguidos como mostra da cohesión e acordo que sempre é quen de acompañar a lingua dun pobo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Virus selectivo
comentarios