Versos pintados no pupitre era o suxestivo título con que as III Xornadas de Literatura e Ensino, organizadas pola AELG, convocaron o pasado 13 e 14 de decembro un auditorio amplo, maioritariamente docente, isto é, profesionais que ofrecen o seu tempo persoal e horario non laboral para a actualización formativa individual orientada á mellora da aprendizaxe colectiva do alumnado.
Entre os obxectivos enunciados no programa das xornadas sobranceariamos estes cinco:
- Pór en valor a literatura galega como ferramenta necesaria, extensiva e útil para a adquisición da competencia lingüística, nomeadamente do inicial proceso lectoescritor e mais da progresiva capacidade comprensiva, así como para fuxir da racionalidade e abrir os cuartos das emocións e as portas da imaxinación á procura de respostas aos nosos porqués.
- Reflexionar sobre a necesaria revisión das propostas metodolóxicas empregadas na aula para a transmisión da literatura e máis concretamente da poesía.
- Ofrecer propostas metodolóxicas basedas na perspectiva innovadora que propoñan solucións prácticas, xa contrastadas exitosamente nos centros de ensino, ao promoveren plans (inter)activos, participativos, desde un enfoque comunicativo e adecuados ao tempo presente.
- Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe poética para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega e mais coas figuras mediadoras.
- Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado de hoxe que, necesariamente, han ser os escritores e escritoras de mañá.
Xosé Mª Alvarez Cáccamo presentou algunhas claves para definir a poesía infantil como suxeito de primeira categoría en que recoñecer un instrumento poderoso para as crianzas seren copartícipes da lectura, desde a conformación da emotividade como obxectivo nuclear.
Fran Alonso, Elvira Riveiro e Antonio García Teijeiro, desde a perspectiva autorial e a experiencia profesional, testemuñaron que o club d@s poetas viv@s vive e revive xeracionalmente.
Montse Penas, Anxos Rial e Romina Val achegáronnos lecturas, tarefas, propostas e recursos cos que ensaiar a poesía na aula; multitude de versos enredados que non deixa de amplificar a súa expansividade na rede onde a adolescencia se sente tan cómoda.
Antonio Reigosa falou da E-Memoria ao presentar a conciliación da literatura popular de tradición oral coa internet e a tecnoloxía, un potencial recurso multidisciplinar que ofrece a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
E como ningunha teoría pode ser avaliada sen unha boa práctica de contraste, os obradoiros de expresión escrita impartidos polas poetas Antía Otero, Dores Tembrás e Carlos Negro, debullaron técnicas para transformar as aulas en espazos abertos ao corazón, para devorar a vida tamén verso a verso.
Ningún mellor remate para estas dúas completas sesións de formación e convivio que escoitar os sempre actuais versos de Rosalía de Castro en voces e sons tan diferentes e alternativos como os de Aid, Najsla Shami e Uxía.
E como todo proxecto precisa de reflexión e síntese, de valoración para pensar en abrir xa o camiño dunhas novas xornadas que provoquen o noso reencontro, as nosas persoais conclusións, nadas da suma de palabras e experiencias alí partilladas, non se fixeron agardar.
A poesía non morde, traba! Aprende as crianzas, avolve a rúa e pon educación a algún policía.
@s poetas están moi viv@s e dispost@s a nos enredaren con versos.
A poesía non cotiza en bolsa, mais si no mercado de valores.
A poesía está e encóntranos sempre, só cómpre abrirmos esa caixa de caramelos coa que alguén te ha agasallar.
A poesía é unha fonte de pracer e o seu consumo está altamente recomendado en tempos de crise.
A poesía serve para falar, para escoitar, cantar e sentir; a poesía fainos sentipensantes.
A poesía habita as redes para se visibilizar e ofrecerse como modelo compañeiro.
A poesía favorece a cohesión interna e externa.
A poesía é parella de baile...
é luz da memoria...
é compañeira do riso...
é provocadora de cóxegas...