Opinión

Falará a poesía

Debruzarse na lectura diaria -literal e figurada- da información e procesala con espírito crítico está a se converter en amoado para o desasosego, adubo para a impotencia e lévedo para a rebeldía.

Debruzarse na lectura diaria -literal e figurada- da información e procesala con espírito crítico está a se converter en amoado para o desasosego, adubo para a impotencia e lévedo para a rebeldía.

"Cómpre tomar alento, mudar escenarios de lectura e procurar futuro na luz das palabras retratistas que con pulsos de ritmo interno ousan quebrar a fin da liña predeterminada".

Cómpre tomar alento, mudar escenarios de lectura e procurar futuro na luz das palabras retratistas que con pulsos de ritmo interno ousan quebrar a fin da liña predeterminada.

A poesía é unha arma cargada de futuro, escribiu Gabriel Celaya.

A poesía é unha árbore sen follas que dá sombra, definiu Juan Gelman.

A poesía venta a morte como voitre,  ratificou Mª Xosé Queizán

Mais non sempre é posíbel esquecermos os dividendos da miseria e a multiplicadora mediocridade enxordecedora na retórica poética do rocho do Lethes nin mergullarse entre as liñas dos versos á procura dunha rima (m)a(l)soante nin tan sequera respirar átonas esperanzas fisterrás. Porque a poesía fala de nós, cara a cara connosco.

Por que? Preguntaron…

Porque o poeta ten
a palabra
a vida
o poder.

Respondeu de novo Mª Xosé Queizán.

Boa ocasión nos brinda este 2014 para continuarmos, guiad@s polo ronsel d@s poetas, a descubrir as claves da poesía e da vida, co gallo da celebración da homenaxe que realizará a RAG o Día das Letras Galegas na honra do poeta de Guitiriz, Xosé Mª Díaz Castro, así como do centenario do seu nacemento, o día 19 de febreiro, en que será rememorado cunha ofrenda poético-floral no camposanto de San Xoan de Lagostelle, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio e colaboración do Centro Pen Galicia e a Asociación Cultural Xermolos.

"Oportunidade para nos apropiarmos, a golpe de nimbos de luz que o poeta nos entrega, de sombras e noites que abafallan dereitos e soños de dignidade".

Oportunidade para nos apropiarmos, a golpe de nimbos de luz que o poeta nos entrega, de sombras e noites que abafallan dereitos e soños de dignidade.

POETA ou non, eu cantarei as cousas
que na soleira de min mesmo agardan.
Alumarei con fachas de palabras,
ancho herdo meu, o mundo que me deron.

Eí están, coma brasas contra noite,
As vellas cousas, cheas de destinos.
Ollos que piden, de famentos nenos.
Ollos que esperan, dunha adoescente.

Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus de aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
I esta crus que nos mide de alto a baixo.

Con este alento, eu lles darei ás cousas
o drama cheo que lles nega a vida:
dareilles rostos, para que se conozan,
palabras lles darei para que se entendan...

Comentarios