Opinión

Coherentes incoherencias

Amence o día frío e treboento e mentres pensamos se os refachos e trebóns levarán canda si os malos agoiros, acordamos na realidade ao escoitarmos, nas noticias da radio pública galega das oito da mañá, o Presidente do Goberno galego enarborar a bandeira do consenso para a próxima reforma da lei do aborto, que, con fervor ultracristián e vontade retrógrada, quere aprobar o seu partido nas Cortes madrileñas, invocando a necesidade do consenso conseguido pola actual lei e a ausencia de recursos xudiciais. E entón cuestioneime se realmente acordara -eu, claro está, non o Presidente!- como era debido para continuar a conducir camiño do inicio da xornada laboral -ese luxo!

Nin a alegría contaxiosa que convida a despedir o ano vello nin a superación da proba de resistencia uveira con que adoitamos recibir o aninovo eran garantía abondo para a estrea do traxe novo deste tempo de camiñar vello, nomeadamente para esa ampla clase media que unha minoría empodeirada teima en non considerar nin como media clase.

A volta á normalidade confírmanos entre o abalo e o devalo provocado por esas coherentes incoherencias coas que algúns conseguen que a nosa capacidade de sorpresa, abraio e indignación non alcance límites nin que a saudábel tendencia ao despiste da desconexión aniñe en nós.

Amence o día frío e treboento e mentres pensamos se os refachos e trebóns levarán canda si os malos agoiros, acordamos na realidade ao escoitarmos, nas noticias da radio pública galega das oito da mañá, o Presidente do Goberno galego enarborar a bandeira do consenso para a próxima reforma da lei do aborto, que, con fervor ultracristián e vontade retrógrada, quere aprobar o seu partido nas Cortes madrileñas, invocando a necesidade do consenso conseguido pola actual lei e a ausencia de recursos xudiciais. E entón cuestioneime se realmente acordara -eu, claro está, non o Presidente!- como era debido para continuar a conducir camiño do inicio da xornada laboral -ese luxo!

"Predicar o consenso de fóra para practicar a disesión e o golpe de decreto unilateral permanente na casa coa educación, coa sanidade, co medio ambiente, coa lingua galega, co patrimonio arquitectónico e mesmo co número comenenciudo de deputad@s que deben representar a cidadanía no Parlamento". 

Predicar o consenso de fóra para practicar a disesión e o golpe de decreto unilateral permanente na casa coa educación, coa sanidade, co medio ambiente, coa lingua galega, co patrimonio arquitectónico e mesmo co número comenenciudo de deputad@s que deben representar a cidadanía no Parlamento. 

E en mirando o espectáculo, o poeta Curros Enríquez escribiría: 

Si dou coese mundo, 
que o demo me leve. 

Sumáronse os amenceres fillos da xaneira e trouxéronnos de primeira man os avances en diagnóstico e avance prenatal a partir dos avanzados estudos xenéticos que lideran referenciais equipos de científic@s en Galiza, mais os lóstregos nocturnos arrepiáronnos ao comprobar que o Goberno español do PP -entregado á corrente católica máis obtusa, dominante, intolerante, retrógrada e intransixente- decide negar á muller o dereito a abortar en caso de malformación fetal, pois as mulleres apenas somos para esa ideoloxía nostálxica de tempos idos un glorioso útero vivificador e unhas mamas alimentadoras. 

A nosa coherencia procurou acubillo e preguntou: Velar polos dereitos dos non nacidos tamén implica blindar os contratos laborais das mulleres embarazadas? 

"A nosa coherencia procurou acubillo e preguntou: Velar polos dereitos dos non nacidos tamén implica blindar os contratos laborais das mulleres embarazadas?" 

A nosa coherencia advirte que o castigo divino á muller como causante de todos os males e pecados prescribiu. Sabémolo e sábeno. Non van conseguir que renunciemos á capacidade de pensar, opinar e decidir. Por respecto a nós mesmas e por respecto a elas, as que pisaron as primeiras silvas para enxergar o camiño de espiñas e as que foron condenadas ao silencio derradeiro e involuntario, no baleiro dunha casa sen cuarto propio, na friaxe das mans asasinas do home compañeiro de días e noites.

A lus do mundo é a que arde nunha bágoa, di o verso clásico de Xosé Mª Díaz Castro. As nosas bágoas de impotencia non nos afogarán en silencios para cantar e irradiar luz coa forza do himno colectivo do Pasodobre das Anduriñas, musicado nas Danzas Brancas da Orquestra Folk Son de Seu: 

A vida dunha muller non vale nada
cando o medo asoma na súa mirada (…)
Cantas anduriñas máis deben caer-e
para sermos donas dos nosos menceres?

E en escoitando esta música, o poeta Curros Enríquez escribiría: 

Si che esto é xusticia,
que o demo me leve.

As alertas continuaron a nos programaren as cativas horas de luz en que, malia o que afirma o refrán, aínda a noite baixou pouco para lle permitir medrar ao día, e reparamos nesa raiola que entra pola capital bergantiñá a nos mostrar un exemplo práctico integrador, promovido polo Concello de Carballo, para incorporar ao idioma galego aquelas persoas residentes no municipio, mais con orixes non galegas, desde un modelo lingüístico inclusivo carballés. 

"A borraxeira chegou para invisibilizar o idioma de noso desde instancias gobernamentais autonómicas ao continuar o desmantelamento económico das políticas de protección e promoción no ámbito do ensino"

No entanto, a borraxeira chegou para invisibilizar o idioma de noso desde instancias gobernamentais autonómicas ao continuar o desmantelamento económico das políticas de protección e promoción no ámbito do ensino ou envicialo desde a teima identificadora e aínda non retractada, por parte do máximo responsábel de Educación, dos defensores da normalización lingüística e do nacionalismo como antidemócratas e apoloxéticos do terrorismo.

E en compoñendo a escenografía, o poeta Curros Enríquez escribiría: 

Si che outra vin nunca,
que o demo me leve.

Finalmente, o Papa Francisco, semellando dar resposta inaudita a esta saudosa procura da coherencia nosa, defínese como home pecador e nunca de dereitas, apela á austeridade viaxeira desprazándose nun catro latas, camiña con modestos e usados zapatos negros, permite ser fotografado coa mocidade para as redes sociais, declara rexeitar os discursos e ideoloxías machistas que denegan o dereito a decidir da muller, chama a avergoñarse polos escándalos cometidos no seo da Igrexa, admite perante a ONU a existencia de sacerdotes pederastas e critica a persecución da Igrexa contra as persoas homosexuais.

Mais a idílica cadea quebrou ao coñecer as declaracións do cardeal español Fernando Sebastián, recentemente nomeado polo Papa Francisco, sobre a homosexualidade, que vén ser segundo el unha das moitas deficiencias que temos no noso corpo que se pode recuperar co tratamento axeitado. Se callar, o prospecto daquela medicina anunciada publicamente polo Papa Francisco, a finais do pasado ano durante o rezo do Ánxelus, denominado “Misericordina”, xa indicaba as pautas posolóxicas de semellante diagnóstico, ademais dun rosario coas instrucións en catro idiomas, entre eles o español.

E en rematando o esperpento, o poeta Curros Enríquez escribiría: 

Si eu fixen tal mundo,
que o demo me leve.

Comentarios