Opinión

Aprender en tempos de coronavirus

Aprender é verbo galego de ida e volta.

Na primeira acepción do dicionario da RAG, aprender é adquirir o coñecemento de [algo]. Na segunda, é a capacidade de transmitir ou facer adquirir o coñecemento de [algo]. Dar e recibir que cantaría Jorge Drexler “cada uno da lo que recibe, luego recibe lo que da”.

Fallounos a arma de coñecemento, a escola, as aulas, como espazo de encontro, tanto as concibidas nun espazo pechado como as aulas sen paredes, que promoven o coñecemento integrado, o convivio interdisciplinar e en comunicación co contorno. Porque, en palabras recentes do psicopedagogo Francesco Tonucci, “os nenos senten moito a falta da escola, é dicir, non dos profesores e os pupitres, senón a falta dos compañeiros. A escola era o lugar onde os nenos podían encontrarse con outros nenos”.

Sen ese espazo de confluencia entre docentes e discentes, mais sobre todo entre iguais, todos ficamos invisíbeis, no baleiro e sen rede de afectos.

A primeira tarefa da reincorporación ao curso, que non chamarei volta ás aulas, consistiu nunha videoconferencia cun grupo de bacharelato. Apenas foi posíbel co 50%. O obxectivo era saber da súa boa saúde e dos seus, pulsar o estado de ánimo e coñecer que realidade familiar os está a acompañar.

Pedinlles a avaliación das tres semanas de docencia a distancia e xurdiron os “custa máis entender”, “falta organización”, “non é o idóneo”, “descoñecemento tecnolóxico”, “dificultade para dispor de medios”, “falta o acompañamento dos profes”. Pedinlles a palabra que os defina e reiteraron “incerteza”, “estrés” e “agobio”.

Descúlpeme deixalo así, caro lectorado, mais acaba de escribirme Rui, de 1º ESO, no classroom improvisado para este tempo de equilibristas: “Sabías que mañá é o día do meu aniversario?”

Comprenderán que teremos que o felicitar. Que mañá non lle falten os compañeiros. Que non lle falte a escola.

Comentarios