Opinión

Unha terraplanista lingüística no xulgado de Gasteiz

Xa vos gustaría, María e Vicent, ter unha xuíza como a que temos nós en Gasteiz, unha artista no sentido máis imaxinativo da palabra, que a terza feira fixo que a redacción se partise de risa e a quen o premio Nobel lle queda pequeno. Foron risas ao principio, e indignación despois. Estou seguro de que si, de que teredes alguén parecido nalgún xulgado dos vosos países, pero custaravos bastante atopar alguén deste nivel.

Explícoo brevemente. O Concello de Laudio (Araba) despediu a unha funcionaria interina por non obter o perfil lingüístico correspondente ao seu posto. No xuízo celebrado polo devandito despedimento, a mencionada xuíza obrigou o Concello de Laudio a volver contratar á traballadora, argumentando que o concello non tivo en conta que –abrochade ben o cinto, que veñen fortes turbulencias– o éuscaro é a quinta lingua máis difícil do mundo segundo algunhas listas e a máis difícil de todas segundo outra lista. E hai poucos días esa xuíza cobraría o seu soldo de xaneiro, e non calquera soldo, pagado co noso diñeiro.  

Nos Estados Unidos, nos últimos anos vai en aumento o número de terraplanistas; é dicir, a cantidade de persoas que pensan que a Terra non é esférica, senón plana. No xulgado de Gasteiz temos a unha terraplanista lingüística, todo un prodixio, que outorgou categoría xudicial ao maior dos tópicos, que nos aclarou por que os nenos e nenas das familias  vascoparlantes empezan máis tarde a falar, e, por se iso fose pouco, é a autora do descubrimento logopédico máis importante da última década. 

Acaso dita xuíza toma sempre coa mesma rigorosidade todas as súas decisións? É moi preocupante que unha xuíza que se encarga de decidir sobre o futuro da cidadanía fundamente os seus argumentos en frivolidades coma esa. 

Síntoo moito por Koldo Mitxelena, pero deberiamos quitar o nome de devandito lingüista aos centros culturais, escolas e rúas que o levan, e substituílo polo da xuíza de Gasteiz. E un novo destino para a xuíza: a illa de Perejil.

Comentarios