Opinión

De San Sebastián a Catalunya, 90 anos

Non quero traervos, María e Vicent, o debate interminábel sobre se a historia se repite ou non. Mais hai situacións que se non se resolven a tempo, nunca se corrixen. Esta semana, na cuarta feira, fixéronse 90 anos da proclamación da segunda república española. Aquela declaración foi impulsada polo resultado obtido polas forzas republicanas nas eleccións municipais daquel ano. 

Convén lembrar que un ano antes, en agosto de 1930, as forzas políticas republicanas elaboraron e acordaron o Pacto de San Sebastián, que tiña como obxectivo suprimir a monarquía vixente e estabelecer a república. Acordárono e, cando tiveron a primeira oportunidade, fixérono. O cambio era urxente, e fixérono de facto.

Convén lembrar que un ano antes, en agosto de 1930, as forzas políticas republicanas elaboraron e acordaron o Pacto de San Sebastián

Naquel pacto acordado en San Sebastián, o dereito para decidir dos cataláns —con outra formulación, claro— foi, do mesmo modo que agora, a maior dificultade. Hai 90 anos, como agora. É moi interesante ler como tratou a prensa de entón aquelas discrepancias. Desde Catalunya, participaron os partidos Acció Catalá, Acción Republicana de Catalunya e Estat Catalá, e desde Galiza, o partido Federación Republicana Galega. “E desde o País Vasco?”, preguntarase o lector. Desde o noso pobo, a pesar de que sucedese en San Sebastián, ningún partido; o PNV non quixo participar porque os partidos reunidos eran laicos, e o PNV de entón, e o de moitas décadas despois, era moi eclesiástico.

Segundo as crónicas da época, nas reunións para elaborar o pacto, os partidos de Catalunya —Manuel Carrasco, de Acció Catalá, foi o portavoz— defenderon con moita forza que o acordo debería garantir á cidadanía catalá «o recoñecemento da identidade catalá», xa que aínda sendo republicanos, non renunciaban a ser cataláns. Os reunidos aceptaron que Catalunya tería o seu estatuto de autonomía, despois de que o seu contido pasase polas Cortes españolas. 

Aquela petición de hai 90 anos feita por Carrasco segue sen estar resolta, do mesmo modo que seguen no cárcere os dirixentes do proceso de Catalunya.

Comentarios