Opinión

Seis nomes, catro himnos, tres bandeiras

Cústame moito, María e Vicent, ser orixinal á hora de falar do Aberri Eguna ou Día da Patria Vasca, debido a que levo moitos anos manifestando a mesma queixa: non hai ningunha outra nación no mundo, con ou sen estado, que o celebre de maneira tan eslamiada. 

Os vascos estamos divididos en tres administracións. En Hego Euskal Herria, a Comunidade Autónoma do País Vasco e a Comunidade Foral de Navarra, que asumiron a terminoloxía do ex presidente español Adolfo Suárez. En Ipar Euskal Herria, Euskal Hirigune Elkargoa (comunidade de aglomeración do País Vasco, Communauté d' agglomération Pays Basque). Os nomes duns decidíronse en Madrid, e os dos outros en París. “Horrelakoa dá bizitza", di a canción, ou o que é o mesmo, así é a vida.

No noso país, a principal celebración popular é o Aberri Eguna, que se festexa hoxe; mais non é a celebración de ningunha institución pública. Nos vosos países, en cambio, os cataláns tedes a diada, o 11 de setembro, e os galegos o Día Nacional da Galiza, o 25 de xullo. En ambos levan a cabo celebracións por parte das institucións públicas e da cidadanía. Nos vosos pobos, ademais, son días festivos. 

En Araba, Bizkaia e Gipuzkoa non se celebra ningunha festa por parte da denominada CAV. En Navarra si: o 3 de decembro celébrase o Día de Navarra, e é festivo. En Ipar Euskal Herria tampouco hai unha festa oficial para esa institución creada en 2017, que é o Euskal Hirigune Elkargoa. Ese é o divertido panorama do noso pobo, que conta con media ducia de nomes, tres bandeiras e catro himnos. Ocórrenseme adxectivos máis precisos, e máis duros, para describir o panorama.Non aprendemos, e seguimos empeñados en non aprender nunca.

Nos últimos anos, os intentos de celebrar de forma unificada o Aberri Eguna fallaron, pois é imposíbel que os principais partidos abertzales se poñan de acordo. Tamén este ano, foi a plataforma popular Euskal Herria Batera a que organizou a iniciativa. 

Son memorábeis as multitudinarias e unificadas diadas que se fixeron desde que o proceso catalán colleu forza, e causaron a envexa de máis dun por aquí. Na Galiza tamén festexades ao grande…

Comentarios