Opinión

A necesidade dunha euskaldunización reforzada

Remata en Donostia unha das máis redondas plasmacións da combinación "euskara + imaxinación", que a moita xente de fóra do noso pobo, admitamos que tamén a máis dun do noso, fáiselle difícil de entender, pagar por correr. Estreouse en 1980, chamámoslle Korrika, e organízaa AEK, a entidade para a euskaldunización e alfabetización de adultos, co apoio de miles de amantes do euskara. 2.500 quilómetros sen parar durante 11 días, tamén nestes días que tivemos unha meteoroloxía máis propia de Siberia. 

A edición deste ano é a número 22, na súa dilatada historia coñeceu de todo: unha participación exigua na primeira edición, un crecemento constante nas seguintes edicións, boikot institucional (convén lembralo nestes tempos nos que tanto se fala de repasar o pasado) e, nas últimas edicións con tanto éxito e crecemento que é moi difícil poñerse en contra. 

Exportamos a idea da Korrika, Currilingua en Córsega, A Passem en Occitania, Correlingua na Galiza, Correllengua en Catalunya, tamén en Alsacia... O mesmo obxectivo en todos os casos, fortalecer a lingua e expandila, o coñecemento e o seu uso. Aos 40 anos de que se puxesen en marcha as políticas lingüísticas no noso país, vai lenta a recuperación do euskara nos adultos. Vai, pero moito máis lenta do que imaxinabamos hai catro décadas. Ofréceselle o servizo á persoa adulta que quere aprender, en moitos casos concédenselle axudas, aínda que non garantimos a gratuidade. Pero non hai compañas fortes, con impulso, que empuxen as persoas adultas a acudir aos euskaltegis (escolas para aprender euskara) en maior medida da que acoden agora. 

Aceptando que non é fácil, recoñecendo o traballo que fan uns e outros, non é prioridade para as institucións, non se programa unha euskaldunización intensa e rápida, que dea unha volta ás porcentaxes de euskaldunes. Só están dispostos a aprender euskara as persoas adultas que o están aprendendo? Cantos máis se animarían a facelo se creásemos un ambiente máis motivador?

Comentarios