Opinión

O monstro do lago Ness en Londres

A primeira ministra escocesa Nicola Sturgeon volveu a incorporar na axenda política do Reino Unido a disputa sobre a independencia. Estes últimos anos fixo uns cuantos simulacros, que finalmente non resultaron en nada.

A campaña que iniciou recentemente parece ser a definitiva. Superados os anos máis duros da pandemia da Covid –é complicado pedir á cidadanía que nunha situación de semellante calibre se preocupe tamén pola independencia–, agora quere xerar ilusión entre os escoceses para que se unan á segunda versión do referendo celebrado en outubro de 2014.

Por aquel entón, o primeiro ministro do Reino Unido era David Cameron, e, convencido de que o non vencería facilmente, deu o visto e prace a que o parlamento de Westminster aceptase levar a cabo o referendo e a que, máis aínda, fose o Goberno de Escocia –con Alex Salmond á fronte– o responsábel de organizalo.

Durante as negociacións, Salmond, consciente do difícil que sería que se impuxese o si, propuxo a Cameron incluír tres opcións no cuestionario: seguir como até entón, ter a maior autonomía posíbel pero dentro do Reino Unido, e obter a independencia.

Cameron rexeitou a proposta de Salmond, e impuxo un cuestionario no que había que responder si ou non á independencia.

Observando que nas semanas anteriores ao referendo aumentaban as posibilidades de que o resultado fose favorábel á independencia, Cameron empezou a facer promesas políticas, apremado pola inquietude.

Gañou o non co 54% dos votos, e Cameron recoñeceu que dar paso ao referendo fora o maior erro da súa carreira política. A primeira ministra escocesa dixo recentemente que ve a Escocia en mellor situación agora que en 2014.

Con todo, o ocupante actual de Downing Street é Boris Johnson, e sempre que lle preguntaron respondeu que de ningunha maneira aceptará a celebración doutro referendo en Escocia. Para Sturgeon, a tarefa máis complicada será, ademais de convencer á cidadanía, atopar unha vía legal que lle permita levar a cabo o referendo aínda sen ter o consentimento de Londres.

Comentarios