Opinión

'Modelo 77' e Martín Villa

O sábado pasado estreouse a película Modelo 77 no Zinemaldi, completando a gala de inauguración coa súa proxección. A longametraxe relata, con gran crueza e credibilidade, as loitas levadas a cabo pola Copel (Coordinadora de Presos en Loita) no cárcere de Barcelona. Os nosos lectores e lectoras máis maiores lembrarán as protestas, revoltas, autolesiones e demais accións que realizaron os presos comúns —así é como os chamabamos entón— guiados por dita coordinadora. A película mostra, sen ocultar aspecto algún, a terrible e variada violencia que sufriron os membros da Copel no cárcere. Vendo que ían amnistiar os presos políticos que loitaran contra o franquismo, os presos sociais organizáronse e iniciaron tamén a loita pola súa amnistía. A Copel estivo en activo entre os anos 1976 e 1979.

Á película fáltalle unha frase que aclarase que aqueles funcionarios de prisións represores e os seus responsábeis políticos non foron investigados, nin xulgados, nin condenados

En poucas palabras: "O motivo polo que cometemos delitos sociais son as diferenzas sociais e económicas producidas por este sistema capitalista na sociedade". A película reflicte correctamente o argumento utilizado pola Copel.

Sen ningunha pretensión de converterme nun crítico cinematográfico furtivo, creo que á película fáltalle unha frase dirixida á mocidade que non coñeceu aquela época: unha única frase que aclarase, ao final, que aqueles funcionarios de prisións represores e os seus responsábeis políticos non foron investigados, nin xulgados, nin condenados. O cruel trato recibido polas e polos presos políticos vascos durante décadas probablemente non difira moito do trato mostrado nesta longametraxe.

A sorte quixo que esta mesma semana, a cuarta feira, chegase a seguinte noticia desde Arxentina: a xustiza dese país non xulgará a Martín Villa, o intocábel ministro do Interior español. Previamente foi a xustiza española, e agora a arxentina.

Do mesmo xeito que os protagonistas da película, Villa campa con total impunidade, sen que ninguén o obrigue a sentar no banco dos acusados.

Exemplar transición!

Comentarios