Opinión

Independentista e inimigo

É posíbel que en España un partido estea a favor da independencia —de Catalunya, da Galiza, de Euskal Herria, das Illas Canarias— sen ser un inimigo, ou é que por querer a súa independencia debe estar sempre baixo sospeita, é dicir, entre os inimigos que os servizos secretos vixían?

A lei que regula a actividade dos Servizos Secretos de España, é dicir, a do CNI, refire claramente cal é un dos seus principais labores: "Previr e evitar calquera ameaza contra a integridade territorial de España". Por definición, se a actividade dos partidos a favor da independencia resulta exitosa, quebrantarase a unidade de calquera estado. Iso é o que ocorreu en Iugoslavia con Eslovenia, con Croacia... e ocorrería algo parecido en 1995 en Canadá con Quebec e en 2014 no Reino Unido con Escocia, se nos referendos celebrados neses dous países gañasen os independentistas. 

É mentira que se poida lograr calquera obxectivo político a condición de que non se empregue a violencia

Esta semana, a ministra de Defensa de España Margarita Robles xustificou a utilización do programa de espionaxe 'Pegasus'. "Que debe facer un goberno cando alguén viola a constitución? Ou cando alguén declara a independencia?". Por tanto, é mentira que se poida lograr calquera obxectivo político a condición de que non se empregue a violencia. Xa o sabiamos, pero é de agradecer que se diga claramente.

Pero hai máis preguntas ao redor desa cuestión. Por exemplo: que debe facer nun sistema político dilixente quen é responsábel político dos servizos secretos se resulta que pillan a eses servizos secretos vixiando a partidos políticos? Independentemente de se quen é responsábel político sabe ou non sabe que estiveron facendo os seus subordinados. Máis aínda se resulta que o sabía; aínda cando non o soubese, xa que Robles é a responsábel política de canto fan os servizos secretos. Os xuristas para algo inventarían a expresión in vigilando. A saber: é responsabilidade da ministra que os seus subordinados controlen aos que controlan.
Do mesmo xeito que ocorre nas políticas estatais, nesta ocasión, o Partido Popular non botará sal á ferida de Pedro Sánchez. Os dous partidos teñen algo que esconder.

Comentarios