Opinión

A importancia do primeiro paso

Son dun concello, María, cuxo río cambiaba de cor cada semana, porque había moitas papeleiras nas inmediacións dese río e o seu afluente. Sabiamos en todo momento de que cor era o papel que estaban a elaborar nas fábricas: vermello, azul, verde...

O río mostraba toda a paleta de cores. Esta semana soubemos que o Tribunal Supremo de España, tras rexeitar a decisión que previamente adoptara a Audiencia Nacional, autorizou a papeleira Ence a seguir contaminando a ría de Pontevedra até 2073. Varias asociacións e organismos populares galegos con sensibilidade ecolóxica mostráronse en contra da perigosa localización da intocábel empresa Ence. María, en Nós Diario realizastes un seguimento rigoroso do tema. Entre todos e todas, case conseguistes que o xulgado obrigue a trasladar Ence da súa localización actual. Non vos faltarán, non nos faltarán causas xustas para seguir traballando.

Vicent, parecido á coraxe que mostraron os galegos a favor dos ríos limpos é o que mostraron os torturados durante o franquismo na comisaría que ten a Policía Nacional española na Vía Laietana de Barcelona –tal como puidemos ler en Vilaweb–. Unha das miñas amizades catalás chámalle "o Intxaurrondo de Catalunya" a esa comisaría que aínda segue aberta –até cando?–.

Valéndose da Lei de Memoria Democrática aprobada recentemente nas Cortes Españolas, o sindicalista Carles Vallejo, torturado nos anos 70 pola Policía, puxo unha denuncia hai pouco no xulgado de Barcelona. O trámite da denuncia xa está en marcha no tribunal de Barcelona, unha vez que o xuíz xa tomou declaración ao torturado. 

Teremos que seguir de perto o percorrido da denuncia debido a que é a primeira que se realiza en base á devandita lei, e podería servir de exemplo para as persoas que sufrisen torturas do mesmo xeito que Vallejo. O feito de que o camiño sexa longo non será un problema: o verdadeiro problema nestes casos xorde cando non hai camiño.
Sempre hai un primeiro paso: a miúdo dano moi poucas persoas e despois séguenas miles.

Comentarios