Opinión

O 'Guernica', a Gernika

A cuarta feira fixéronse 86 anos do bombardeo de Gernika a mans dos nazis e os franquistas, e por primeira vez un ministro español tomou parte na cerimonia. Xa lles custou.

Discutiuse se ese ministro, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, debía pedir perdón en nome do Estado. Os que cren que si, argumentan que os actuais dirixentes representan a continuidade do Estado e que, por tanto, deben pedir perdón.

Os que pensan que non deben pedir nin perdón nin desculpas din que o franquismo foi ilexítimo e que agrediu a todos, non só aos veciños de Gernika.

Deberiamos aproveitar a polémica xurdida co ministro español para poñer a obra de Picasso de camiño cara a Gernika

Convén lembrar que o ano 1997, no 60 aniversario da matanza, o presidente alemán Roman Herzog fixo un xesto de reconciliación con Gernika, mediante a doazón ao seu concello de tres millóns de marcos (millón e medio de euros). Tamén aos alemáns lles custou facer ese xesto, pero menos que aos membros do Goberno español pronunciarse a respecto diso.

A decisión máis firme do Goberno español, máis aló de calquera declaración, sería traer a Gernika o memorábel cadro de Pablo Picasso, ou ao Museo de Belas Artes de Bilbao, no caso de que non se poida pode traer a Gernika.

Aínda recoñecendo que esa reivindicación está totalmente debilitada, no seu momento a campaña 'Gernika Gernikara' tivo moito eco. Deberiamos aproveitar a polémica xurdida co ministro español para poñer a obra de Picasso de camiño cara a Gernika.

As institucións públicas pediron repetidamente que se trasladase esa obra de arte a Gernika, e a resposta do Goberno español foi sempre técnica. É dicir, que o cadro non está para movelo dun lado a outro, e que agora non se pode sacalo do Raíña Sofía. Non é máis que unha escusa. Xa o levaron desde o MoMa de Nova York até España, cando as técnicas de conservación non estaban tan avanzadas.

Non nos entreteñamos demasiado con eses asuntos da pedida de perdón, e poñamos as nosas forzas en traer o 'Guernica' a Euskal Herria.

Comentarios