Opinión

A enerxía é a próxima estación

Vin, María, que no voso xornal son noticia de primeira liña os aeroxeradores que se instalaron ou se planea instalar no mar para crear enerxía eólica. A noticia principal do xornal do mércores pasado era á súa vez unha firme denuncia: "O sector do mar ve o 'lobby eólico' detrás das limitacións impostas á pesca pola UE". É dicir, que as confrarías de pesca cren que se pretende expulsar os pescadores daquelas zonas que sempre utilizaron para a pesca co fin de instalar turbinas eólicas. A empresa Cobra –conta con 21.500 traballadores– presentou unha proposta para instalar 68 aeroxeradores nunha valiosa zona de pesca.

O proceso de deixar a un lado os combustíbeis fósiles e substituílos por enerxías limpas non será tan rápido como esixen os expertos nin os malos indicadores do quecemento global

Este será —éo desde hai moito tempo— un tema de debate nos nosos países nos próximos anos: como conseguir dar grandes pasos cara á soberanía enerxética sen danar a natureza, ou danándoa o mínimo posíbel. E tan importante como iso é saber quen e como vai xestionar ese recurso. En vista de como traballan moitas empresas privadas, parece que o vento, a auga, o sol, as ondas... son da súa pertenza, que só elas poden sacarlles beneficio e, en consecuencia, gañar tanto diñeiro como desexen.

O proceso de deixar a un lado os combustíbeis fósiles e substituílos por enerxías limpas non será tan rápido como esixen os expertos e os malos indicadores relativos ao quecemento global. Hai resistencia e, recoñezámolo, grandes dificultades tecnolóxicas, pero ese non pode ser un motivo para non facelo. Non podemos quedar quietos.

Nese ámbito están a xurdir experiencias moi interesantes nos nosos países, que na súa maioría teñen como punto central o individuo e a comunidade. As comunidades de consumidores e de creadores son un exemplo diso. Ditas iniciativas céntranse na pedagoxía do traballo colectivo, converten os cidadáns en suxeitos activos, e conseguen así unha maior implicación.

As grandes empresas enerxéticas aceptarán esas pequenas iniciativas sempre que non afecten dunha maneira preocupante aos seus resultados. Pero non están dispostas a renunciar ao que ata o de agora foi un choio para elas.

Teremos que estar atentos.

Comentarios