O sector do mar ve o 'lobby eólico' detrás das limitacións á pesca da UE

Ferrovial propón un novo parque eólico de 500 MW de potencia fronte á costa da Mariña.
Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)

Os proxectos de eólica mariña non dan tregua na Galiza. Vén de coñecerse a intención da empresa madrileña Ferrovial de erguer un parque de 495 megawatts fronte á Mariña. A nova solicitude, que se suma ás catro anteriores, aumenta os temores do sector pesqueiro.

Ferrovial é un dos grandes xigantes madrileños do sector das infraestruturas. A compañía, propiedade da familia Del Pino Calvo-Sotelo, acaba de presentar diante do Ministerio de Transición Ecolóxica unha solicitude para levantar un complexo de enerxía eólica mariña fronte as costas mariñás. O proxecto, denominado Celta I, dáse a coñecer antes de que o Executivo do Estado aprobe definitivamente o Plan de ordenación dos espazos mariños (POEM). Porén, fontes coñecedoras da proposta sinalan a Nós Diario que o desenvolvemento de Ferrovial localízase en zonas recoñecidas de uso eólico no anteproxecto do POEM.

A proposta de Ferrovial é o quinto proxecto de eólica mariña impulsado na costa galega. Os dous primeiros deles, San Brandán e San Cibrao, están promovidos por Ibredrola fronte ás costas da Mariña e Ortegal, prevendo unha potencia total instalada de 900 megawatts. 

Precisamente na costa de Ortegal, Cobra, unha compañía segregada do grupo ACS, propiedade de Florentino Pérez, propón erguer 68 aeroxeradores de eólica mariña, cunha potencia total de 1.000 megawatts. Asemade, as mercantís BlueFloat Energy e Sener solicitaron unha autorización para pór en marcha baixo o nome de Nordés unha instalación de enerxía eólica mariña cunha capacidade de xeración de 525 megawatts na costa do golfo Ártabro.

O sector do mar ve o lobby eólico detrás de determinadas decisións das institucións comunitarias que afectan a pesca galega. O primeiro en denunciar esta cuestión foi o presidente da Asociación de Arrastreiros de Ribeira, Ignacio Vázquez, quen na mobilización convocada nesta localidade o pasado 8 de outubro contra o veto da Comisión Europea á pesca galega, sinalou que nos últimos anos apareceron nas zonas nas que traballa a frota galega “outros operadores con intereses enerxéticos” que, engadiu, “teñen un poder de negociación e de financiamento” superior ao da pesca.

"Usan informes do lobby eólico", denuncia Vázquez

Vázquez, en declaracións a Nós Diario, afirma que “a  patronal eólica é un dos principais lobbies da Unión Europea” e destaca que “hai un desequilibrio evidente entre o poder de negociación do sector pesqueiro e do lobby eólico”. A este respecto, sinala que “a Comisión Europea está tomando decisións que afectan a pesca en base a informes elaborados polo propio lobby eólico, até o punto de que determinados informes científicos aparentemente neutros son financiados por estas compañías”. Asemade, asegura que “as dificultades para o sector comezan no momento da integración na UE” e que “o problema está en que somos pequenas empresas e non multinacionais”. 

O voceiro da Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños, Torcuato Teixeira, comenta a Nós Diario que carece de probas para afirmar que detrás do último veto á pesca da Comisión Europea está o sector eólico, "pero do que non teño dúbida é de que hai un interese claro de retirar do mar a frota pesqueira para ir abrindo camiño a outras actividades como a minaría subacuática ou a eólica mariña”.

Teixeira, cuxa entidade nace para defender os intereses do complexo pesqueiro fronte a eólica mariña, denuncia que “no sector non hai información de como vai afectar o POEM a determinados segmentos de frota como o palangre, o arrastre ou a volanta”.

"Hai un lobby de presión da eólica", di Pérez Sieira

O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, considera que “están a atacarnos porque hai un lobby de presión da eólica interesado en botarnos de determinadas zonas de pesca para poder destinar esas augas a usos enerxéticos”. Explica a Nós Diario que “algúns dos parques de eólica mariña en proxecto na Galiza localízanse nos nosos mellores caladoiros, como acontece co parque de San Cibrao, que afecta a zonas de pesca como Praia nova ou a Selva".  

Comentarios