Opinión

Do diagnóstico á toma de decisións

Menos mal que o número de independentistas que se congregaron na manifestación principal da tarde da Diada conseguiu que moitas persoas dixerísemos mellor a preocupante situación pola que atravesa o proceso de Catalunya. Hai moitos termómetros para medir como está o proceso, se é que hai algún proceso. Un, que nos é moi próximo, é a participación da xente euskaldún. Hai uns cantos anos, contábanse por centos as persoas que participaban na Diada; algunhas participaban nas convocatorias organizadas polas institucións sociais do noso país, e outras moitas acudían pola súa propia iniciativa. Desde Euskal Etxea partía unha columna colorida e musical, que chegaba até o punto de saída da manifestación, e a multitude manifestante recibíaa cun forte aplauso.

Outro baremo pode ser o da presenza dos medios de comunicación. O proceso catalán gozou dunha presenza de primeira liña nas axendas internacionais (políticas, diplomáticas e mediáticas) durante a idade de ouro de Catalunya. Iso pertence ao pasado.

Os e as independentistas de Catalunya merecen outra actitude por parte de axentes institucionais, políticos e sociais

Neste momento no que todas as pontes están destruídas, e no que fracasaron as discretas tentativas de construír máis, resulta difícil acertar por que vía se podería encamiñar unha colaboración honesta. Os e as independentistas de Catalunya merecen outra actitude por parte de axentes institucionais, políticos e sociais. Xa pasou o momento de inculpar ao do lado, é en balde malgastar máis tempo facendo diagnósticos do pasado.

Ante un problema grave, e é grave o que está a ocorrer nese ámbito político de Catalunya, é habitual investir moito tempo no labor diagnóstico, persistir sen cesar na análise de canto aconteceu. Mentres seguimos nese labor, é dicir, mentres non se finaliza esa fase diagnóstica ás veces interminábel, non se adoptan decisións. Non se avanza, para a tranquilidade de quen está fumando un puro en Madrid.

"En que anda a xente independentista en Catalunya?", pregúntanse en Madrid. "No labor diagnóstico", é a resposta. "Que sigan así longo tempo, que mentres tanto non farán nada". Cantos puros fumaron en Madrid estes últimos anos?

Comentarios