Opinión

Na tribo dos afectos

Hai uns días descubrinme mandándome unha nota de voz antes de entrar nunha quenda prolongada de 12 horas no centro de saúde. O meu eu do presente faláballe ao eu do futuro inmediato para que este non esquecese unha serie de tarefas que debía facer co remate da xornada, que tiñan que ver coa crianza, as amizades, a intendencia e o activismo político. Na mensaxe tamén había unha serie de recomendacións para descomprimir a intensidade do vivido na consulta co antídoto dun bo disco, a lectura dun poemario ou o exercicio da distancia necesaria no combate de asistir a alguén. O audio remataba cunha advertencia: "Non esquezas de que tes o depósito do coche na reserva". Calquera que peque de empatía entenderá que identificarse co estado de saúde doutras persoas para intentar auxilialas durante tantas horas acaba por baleirarte, e nese "en que te podo axudar" mantido no tempo habita un certo desamparo, a derrota dos demais que remata por ser túa e a ferida mancomunada destes tempos incertos. Antes de vivir instalado na virtualidade, eu escollo mollar os pés nas dores para tender unha man, mesmamente cando participo en política.

O meu avó Antonio sempre se queixaba da miña querenza por facer moitas cousas sen centrarme en algo, "dánselle ben todos os deportes máis como non se dedique en exclusiva a algún nunca chegará a nada", laiábaselle á miña nai. Co paso dos anos mudei moitas das miñas actividades por outras diferentes máis sempre tiven a vocación de non querer perderme ningún tren e nunca me cansei de forzar a máquina, se pensaba que o meu esforzo podía axudar a mudar algo.

Pola consulta pasan deseguido homes e mulleres perdidas que non saben como regresar as súas vidas do pasado, despois dunha crise e unha pandemia que os illou ata facelos inimigos íntimos deles mesmos. Nese malestar individual acubíllase unha rendición colectiva e debe ser dende alí, no reencontro plural da tribo dos afectos, onde habemos buscar a resposta que cantan as Ataque Escampe. "Na vida nunca hai volta atrás: cando morres, morto estás. Agora hai que quererse máis que nunca".

Comentarios