Opinión

Tamén aos americanos

O venres pasado tiven oitenta e sete pacientes nunha prolongada de dobre quenda, a miña segunda mellor marca nos últimos vinte meses.

Nesa semana da ponte non houbo día que non baixaramos de cincuenta consultas, nunha xornada ordinaria onde xa son habituais as présas e as angurias por prestar un bo servizo á xente e non cometer erros. Por iso o xoves mobilizámonos fóra do Centro de Saúde convocados pola CIG esixindo as condicións dignas de traballo que non existen na atención primaria. Unha protesta simbólica de minutos para subir correndo despois ao consultorio onde agardaban os doentes e tamén a noticia de moitos Covid positivos. A sexta onda xa está aquí e a ninguén semella importarlle. Esta guerra xa non é a nosa guerra e tampouco a da xente do común. Os que mandan débense a outros intereses.

Escribo este artigo a golpe de sábado. O meu fillo Airas teima en boicotear o intento pedíndome que xoguemos a que eu son un robot “de cociña”. Acabo de chegar a casa tras pasar pola Cidade da Cultura e recibir a terceira dose da inmunidade para os sanitarios. Fican por diante corenta e oito horas para testar os seus efectos secundarios que comezan a expresarse. O luns toca volver á primeira liña de combate.

Poría ata unha ducia de vacinas para seguir alí e recomendaría o dobre con tal de evitar unha estancia na UCI ou a morte.

Realmente, hoxe, quería escribir da renuncia a impugnar o presente e da pelexa por ver quen o fai mellor. Intento enfiar ese argumento máis non son quen, e tampouco sei se paga a pena nun país afeito a repartirse os segundos postos na esquerda. Do papa Paco ao espírito de Quintana, que cada quen escolla o que máis lle convenza e todas en paz. Ninguén pode negar que despois de case dous anos de pandemia todo empeorou; non saímos mellores, moita xente está nunha situación límite, a dereita máis rancia definiu o centro do debate e a vida doe. Isto lémbrame a un paciente que consultei despois dun golpe no peito. Cando lle preguntei se ao tusir vía as estrelas el respondeu “As estrelas e maila lúa, e tamén aos americanos”.

Comentarios