Opinión

Seremos Galiza

Como cada 25 de Xullo, Compostela. Milleiros de homes e mulleres reivindicándose nunha patria por construír no movemento da historia, neste mundo de excluídas, apátridas e asasinadas onde as liñas vermellas se ensanchan sen deterse e separan os dous mundos. Con eles camiñarán os homes e mulleres de Anova-IN, levando, como afirma o noso manifesto, na fronte unha estrela e no bico un cantar. Nestes tempos, os matices para elixir desintégranse.

Seremos unha nación, se queremos, 
cando aprendamos que non somos anxos,
e que o mal non é patrimonio exclusivo doutros.
Seremos unha nación cando deixemos 
os rezos de agradecemento pola terra santa,
cando queira que un pobre atope a súa cea

Mahmud Darwix

"Seremos Galiza cando entendamos hoxe o que entenderon Victor Casas, Bóveda, Camilo Díaz, Castelao, Suarez Picallo e moitos outros no 36, cando dixeron ser Fronte Popular".

Como cada 25 de Xullo, Compostela. Milleiros de homes e mulleres reivindicándose nunha patria por construír no movemento da historia, neste mundo de excluídas, apátridas e asasinadas onde as liñas vermellas se ensanchan sen deterse e separan os dous mundos. Con eles camiñarán os homes e mulleres de Anova-IN, levando, como afirma o noso manifesto, na fronte unha estrela e no bico un cantar. Nestes tempos, os matices para elixir desintégranse. Democracia ou totalitarismo de baixa intensidade, liberdade de expresión ou maioría silenciada, servizos públicos ou mercantilización da nosa saúde e a nosa educación, precarización ou exclusión social, xestión directa dos nosos recursos naturais ou cesión destes ao capital, economía produtiva ou economía especulativa, liberdade para expresar a nosa identidade  ou uniformidade por decreto, decrecemento ou crecemento ilimitado, dereito a decidir en todo ou decreto para decidir nada, autonomía local ou franquías onde facer negocio; todo iso delimita, entre moitos outros dilemas, os lindes do que estamos a poñer en xogo como galegas. A escolla non deixa lugar ás dúbidas. Ou eles (os menos) ou nós (os máis).

"Traballamos para pór a Galiza na internacional das agredidas dende o convencemento de que é aí onde cómpre estar para poder exercer a soberanía con todas as letras sen conservantes".

Seremos Galiza cando entendamos hoxe o que entenderon Victor Casas, Bóveda, Camilo Díaz, Castelao, Suarez Picallo e moitos outros no 36, cando dixeron ser Fronte Popular. Seremos Galiza cando non empreguemos a nosa identidade como arma arreboladiza para excluír os outros con balas esencialistas, cando debuxemos a patria coma un espazo inclusivo de dereitos afastado de liturxias e cando non esquezamos vencellar os valores da esquerda e a loita de clases cos procesos de emancipación.

Traballamos para pór a Galiza na internacional das agredidas dende o convencemento de que é aí onde cómpre estar para poder exercer a soberanía con todas as letras sen conservantes.

Seremos Galiza cando enchamos de contido a verba irmandade, cando saibamos que é posible camiñar xuntos sen ter que vivir na mesma casa, cando asumamos que un partido político non é un país e cando entendamos que sen pan, traballo e teito non hai nación por construír que pague a pena. 

Como cada 25 de Xullo, un ano máis en Compostela, na Praza do 8 de Marzo ás 13 horas, rodearemos a indignidade dos mandados dos mandados  coa nosa dignidade de homes e mulleres que levan séculos coas que perden.

Comentarios