Opinión

Querenzas

Eu quería unha cadela pero teño un híbrido entre o desexado e un gato. Moura ten tres anos e asemade é tamén mestiza, filla dunha labradora e un palleiro. A diversidade ábrese paso na vida driblando ideas preconcibidas. Dende que chegou saio a correr polo monte con ela e nunca sei se rematarei o percorrido trotando ao seu carón a pesar de que xamais volvín só a casa. A medida que avanzamos, Moura vaise afastando mentres debuxa un arco de ferradura cada vez maior ate o berro que demanda a súa compaña, sempre correspondido cun lapso de incerteza.

Eu desexaba ser veterinario e rematei por ser médico de familia; "non quero para ti a dura vida que tivo o teu avó", dixo o meu pai hai tres décadas. El ignoraba a futuro a dureza no exercicio actual da profesión sanitaria ou a sempiterna vocación do seu fillo no activismo social. Nunca imaxinou as constantes quendas prolongadas na consulta, as gardas interminables, o exercicio de alcaldías itinerantes e, tampouco, o rastro de conquistas e cicatrices que estas deixaron no camiño; "agora algúns reclaman cousas que propuxeches. Semella que non teñen vergoña, nin eles nin os que hoxe calan o que onte berraron".

Xulia e Luís comezaron a mocear na 'Luna' bailando xuntos. Esta non era o satélite da terra, senón unha sala de festas en Cerponzóns. Anos despois a el diagnosticáronlle un párkinson e, a pesar das dificultades na mobilidade e as múltiples intervencións, non hai día que non saia camiñar varios quilómetros; "tan só o fago, doutor, para poder seguir danzando de cando en vez ao seu carón".

María e Carlos coñecéronse nunha Compostela que tivo o seu Maio antes de París. Ela adoraba a Marcuse e a Marx mentres estudaba Filosofía, el tan só tiña ollos para aquela rapaza alta e valente. Cinco décadas despois María comezou a esquecer, ao principio pensou nun despiste para rematar desacordando o nome de calquera filósofo que ensinou durante anos. No diagnóstico o nome propio do Alzhéimer. Cada certo tempo entran xuntos na consulta, todo mudou ao seu redor, nada entre eles; "Carlos éche moi preocupado, xa lle digo que non pode tratarme como unha nena".

Comentarios