Opinión

Páxina en branco

Aterra agosto nas nosas vidas reivindicando o dereito a calma antes da treboada anunciada para o vindeiro outono. As calamidades son presaxiadas anticipadamente pola inflación e por un capitalismo que converteu o "laissez faire, laissez passer" nun dogma de fe. Na dinámica que habitamos das dez pragas de Exipto ás veces tamén precisamos desconectar, facendo noso un privilexio do primeiro mundo que coincide co ecuador do ano. Esta regalía non é incompatible co traballo. No centro de saúde estamos peor ca nunca dobrando quendas pero neste mes decidimos non protestar. Xa arranxaremos a sanidade pública en setembro.

Enfronto un bloqueo creativo na sección "do momento" buscando culpables e alternativas. Entre os primeiros sinalo o estío e a esterilidade da opinión se fica orfa da acción, entre as segundas a posibilidade de converter un drama nunha ocasión. Opinamos por riba das nosas posibilidades de todo e a todas horas. Non hai acontecemento nesta aceleración histórica que non nos convoque a emitir un xuízo razoado e amplificado en redes sociais, aplicacións e na rúa. O debate da taberna vese multiplicado por cen alimentando o ruído de fondo. A oferta de argumentos é maior que a demanda dos mesmos, temos un déficit de escoita activa do diferente e un superávit de egos. Tan só por isto debera ficar tranquilo por non saber de que escribir.

Atendo con atención o relato devastado de Carme, que sangra con cada palabra emprazada pola memoria da súa infancia. Non hai fármacos nin terapias que poidan suturar este dano, penso, mentres intento modular a miña empatía adoecida con cada lembranza que verbaliza entre bágoas e tremores. "Hai sucesos que marcan a vida dunha para sempre transformándose nunha ferida aberta que non vai cicatrizar. Aquí podemos intentar axudarte pero ti tes que decidir a pesar desa dor, como vas continuar? Aínda non é o momento de que contestes a isto, pero si de que penses no futuro como se tiveses unha páxina en branco. Nesa oportunidade que temos por diante, que che gustaría escribir?"

Comentarios