Opinión

Na rompente

No accidente doméstico agóchase unha trama. O que nun principio parece consecuencia dun despiste, dun aceno ou simplemente froito da euforia acaba por transmutarse. En toda celebración familiar na casa dos meus pais, cada fragmento da copa ou vaso escachado detonaba un silencio de segundos onde buscar manchas, posibles feridas e algún culpable. Era nese intre onde os dedos da miña avoa "amachi" percorrían entre cristais e cachos de pan o mantel mollado até empaparse no líquido vertido, que era depositado cun sinal na fronte de cada asistente acompañado cun "salud!". O xantar podía entón continuar.

Cada anaco dos doentes que rompen na miña consulta conta unha historia tecida no común denominador da claudicación; "non podo coa vida", "non me recoñezo", "nada paga a pena", "ás veces penso en sacarme do medio", "non teño forzas para nada". A diferenza dos titoriais de YouTube onde un atopa solucións para reconstruír pezas de cerámica rotas, recompoñer a unha persoa quebrada non é tan doado. Máis aló da axuda que se pode ofertar coa química e as terapias, e da disposición fundamental do doente para refacerse, son moitas as probas a superar para chegar a bo porto dunha singradura coma esa. A pesar de non ser condición sine qua non, na maioría das veces, existe un ou varios factores causantes mantidos no tempo que provocan esa rendición a modo de efecto presa. "Tanta foi a auga que soportou o encoro que unha pinga acabou por rompelo". Nese intre hai que lidar coa incomprensión do entorno que ve na pinga unha razón insuficiente, e tentar desanoar os motivos que trouxeron o paciente a esta situación para evitar que volva repetirse.

Outro tipo de feridas que non cicatrizan son aqueles eventos violentos e traumáticos acontecidos en diferentes momentos da vida e nomeadamente na infancia a modo de abusos, e que emerxen anos despois da amnesia como un estoupido incontrolado. Nestes casos, a maiores de termar do cabalo ao galope da dor, nunca seremos quen de devolverlle á persoa as pezas roubadas, mais tamén, debemos dicirlle que se é capaz de superalo terá no futuro máis días bos que malos e co paso do tempo, diante de calquera situación extrema, será invencible.

Comentarios