Opinión

Mortos consumados

A lembranza dos defuntos, os magostos e o San Martiño inauguran un inverno que teima en roubarlle as follas do calendario ao outono. Vivimos nun lugar de dúas estacións coa choiva como coartada. Ao longo da historia, a igrexa católica reconverteu moitos dos nosos rituais de paso, festas populares ou tradicións en datas sinaladas coa finalidade de apropiarse delas. O Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos son un bo exemplo deste facer que reduce a corenta e oito horas un nutrido ciclo de rituais celebrados dende tempos inmemoriais para recordar aos nosos que xa non están. A concentración parcelaria das lápidas do camposanto impulsada polo clero non agardaba ter que competir na actualidade coa mercadotecnia do Halloween. 

Habitamos unha Galiza de “mortos consumados”. Ficamos atrapados no laio dun presente que non ten en conta as consecuencias das políticas que nos levaron ata aquí e a necesidade perentoria de poder mudalas. A dereita empregou durante décadas o autogoberno para baleirar de contido as nosas potencialidades, ao mesmo tempo que buscaba refuxio no noso agravio comparativo para botarlle sempre a culpa das súas propias decisións aos de fóra. O deterioro dos servizos públicos, o desamparo dos nosos sectores produtivos, o espolio dos recursos enerxéticos, o paternalismo co que trata ao noso sector cultural ou o abandono do rural son o resultado de decisións adoptadas ao longo dos anos que carecen de solucións máxicas. Calquera alternativa pasa por impulsar propostas de fondo que vaian máis aló dunha simple maquillaxe da derrota colectiva. Para iso cómpre enunciar con claridade a necesidade dun novo contrato social que permita recoller no futuro os froitos dunhas medidas de calado adoptadas no presente. De non ser así, sempre teremos a posibilidade de lembrar ao noso país como facían as galegas e os galegos cos ausentes no pasado; deixando restos de comida no prato para alimentar o estómago dos que xa non están, ou non pasando a vasoira na casa para non expulsar aos seres queridos finados que nestas datas veñen de visita.

Comentarios