Opinión

Manual de instrucións

Miña filla di querer rir "a cántaros" e eu renuncio a corrixila, reproducindo mentalmente de xeito simultáneo a canción de Pablo Guerrero. Prefiro o seu sorriso desbocado antes que unha referencia á choiva. Ela, que está a piques de facer oito anos, empresta cada día mil motivos para non abdicar da vida e das causas xustas, sendo unha mestura de nobreza, xenerosidade e sensibilidade. Criada nos carreiros do Vilar, nas pedras de Compostela, baixo a sombra do tileiro de Terreboredo, no mar da Arousa e na península meca, porta nos ollos a resultante das cores que a viron medrar e das voces que tiveron a ben agarimala. Ás veces cando fito o seu facer, viaxo nunha máquina do tempo para verme coa súa mesma idade diante da miña nai escoitando aquela frase lapidaria, "aproveita agora que a vida dos adultos é moi complicada".

Mara naceu a mediados da década dos dez cando criamos que aínda era posible outra organización das cousas e "a linguaxe estaba alí para condenar os feitos". Leva un terzo da súa existencia convivindo cunha pandemia e agora por primeira vez na escola fálanlle da guerra e da dor que esta deixa. Vive nun país que celebra a súa existencia colgando o cartel de sould out, baixo un sistema económico incompatible cos límites do planeta, e a ameaza dun autoritarismo que impugna o seu futuro como muller galega e solidaria. Só de pensalo danme arrepíos.

Dentro duns anos gustaríame deixarlle un manual de instrucións "do que facer", mais sempre fun alérxico ao proselitismo e miope en cuestións de horizonte. Neste presente nubrado son quen de identificar os malos pero cada vez cústame máis atopar os bos, e tampouco sei traducir o idioma da mentira. Aínda así, porfío en que todas as ensinanzas da tribo poidan servirlle e, xunto coa música, a poesía, o karate e a pintura, serlle útiles para erguerse despois de cada golpe. Mentres tanto, intento ganar tempo barallando as cartas coma se dun xogador se tratase, cando vén xunto a min dicirme: - Prométeme que todo vai ir ben. -Todo vai ir ben, miña ben.

Comentarios