Opinión

Impugnar para mudar

Tendo en conta que a política institucional defínese nun campo de xogo onde as regras mudan cun árbitro comprado, a primeira resposta que se me ocorre cada vez que me preguntan polas razóns das vitorias do PP é a de “como é posible que algunha vez perda?”. Os populares gobernan este país porque nunca dubidaron en ser garantes de determinados intereses: medios de comunicación subvención-dependentes; un sistema financeiro que acabou co modelo das caixas a costa do erario público; empresas que ofertan servizos na administración ou en espazos privatizados de ensino, sanidade e coidados; multinacionais que obteñen importantes beneficios coa xestión dos nosos recursos naturais e tamén co tratamento de residuos no modelo árido-lixo; promotoras urbanísticas que teñen hipotecado un desenvolvemento sostible no territorio e tamén un empresariado propio co epicentro aquí e a carteira en Madrid.

Para conciliar a súa hexemonía coa defensa destas comenencias a primeira regra do club da dereita é non falar nunca delas, artellando unha estratexia ao servizo das mesmas. Para iso todo vale, impulsando unha rede clientelar asentada na administración autonómica, un hábitat mediático sen apenas fugas onde a realidade é guionizada, e unha estratexia partidaria "catch all party" cun verniz de identificación nacional sempre que non toque un agarimo á extrema dereita.
Cómpre decidir se estamos ou non dispostas a impugnar o estado das cousas. A historia recente di que despois de vitorias da esquerda, o protectorado do PP ten exercido como unha máquina trituradora dunha mudanza. Vivimos nun presente perturbador sendo urxente darlle resposta a dúas preguntas: interesa un cambio que non cuestione os piares onde asenta o seu dominio o PP?, sería ese un cambio real para o porvir do país? Se alguén ten un si como contestación para calquera destas cuestións menospreza ao PP, aos poderes económicos que este ampara e faise trampas ao solitario se desexa un futuro alternativo para unha maioría social.

Comentarios