Opinión

Descoidar para coidar

Non sei en que momento o meu reloxo deixou de marcar as horas, os minutos e os segundos do envellecer dos meus pais. Descúbrome mirándoos a través duns lentes de hai trinta anos, a pesar de que eles habitan o ecuador da década dos setenta con dignidade e autonomía, até facer deles un home e unha muller da mesma idade que o fillo que os observa e que ás veces non entende os seus descoidos, a lentitude dos seus movementos, a posibilidade no futuro da súa dependencia e a necesidade de darlle resposta a esta.

O universo dos coidados defínese nun poliedro de varias caras condicionado polos afectos, o voluntarismo e o negocio. No eido dos recursos cómpre sinalar a privatización sistemática da rede de prestación de servizos, ben sexa no sistema de axuda no fogar ou nas residencias de maiores en posesión maioritaria de multinacionais e fondos voitre onde, a pesar dos milleiros de mortos nas súas costas durante a pandemia, o sector prevé un aumento do beneficio dun cinco por cento nos vindeiros anos. Por outra banda é importante pór o foco nos coidados non profesionais dentro do ámbito familiar. Calcúlase que un trece por cento da poboación do estado está nesa situación sendo, de cada cen persoas que atenden aos seus maiores, oitenta e cinco as mulleres que se descoidan para coidar. A pesar dos avances acadados coa Lei de Dependencia cada día morren máis de cen anciáns no Reino de España agardando polas prestacións que lles corresponderían.

Marga entra na consulta para pór ao día a medicación da súa nai e comentar a última visita ao neurólogo onde lle dixeron que o Alzhéimer estaba moi avanzado; "eu xa llo noto, ás veces non sabe nin como me chamo e nas últimas semanas pasa todas as noites berrando e falando con persoas que xa morreron hai tempo". A única muller de catro irmáns, leva cinco anos dedicados aos coidados de Lola renunciando á súa propia vida e ás súas relacións sociais por medo ao contaxio da Covid; "antes aínda ía a pilates ou a camiñar polo paseo do río ata Conxo pero agora nin iso". "Non mo tomes a mal", retruco, "sabes que me intereso pola saúde da túa nai pero hoxe gustaríame que me contaras, como estás ti?".

Comentarios