Opinión

En definitiva, un desastre

Adela entra na consulta na compaña dun neto. "Xa tiña eu ganas de verte en persoa, o teléfono non está mal pero non é o mesmo", afirma mentres toma asento devagar. "Como vai lostrego?", pregunto empregando o caxato das miñas notas. "Eu vou indo pero el é o can máis rápido do barrio", resposta mentres debuxa un sorriso e saca un papel do bolso cunha lista de danos e perdas, inventario que sempre provoca pavor no médicos ao lembrar que tan só temos sete minutos por doente. No ecuador da oitava década segue a mirar con ollos de rapariga e unha gran curiosidade. Despois das exploracións oportunas acordamos facer unha análise completa. "Dáme medo o que poida saír na proba", comenta anguriada. "Non te preocupes, véseche ben. Non sei onde lin que non hai persoa sa senón enfermo mal explorado", retruco arrincándolle unha gargallada contida.

Unhas semanas despois, Adela regresa na procura dos resultados con ganas de conversa. "Dáme boas novas, como ves a cousa?",  inquire antes de proseguir sen agardar resposta. "Estou moi preocupada, agora tanto me ten o que me poidas dicir. Se non era suficiente co da pandemia ou o prezo disparado das cousas, temos esa maldita guerra que pode chegar aquí. Na casa xa non se acende a televisión, tampouco mercamos a prensa. Se o fago morro de pena. Mentres todo o mundo opina eu só vexo mortos, familias tronzadas, meniños fuxindo por culpa dese Putin, mal raio o coma, desgraciado", maldí non sen antes engadir: "Aínda así eu ben sei que non todo é como o contan e que ao mellor Deus non é tan bo nin o Demo tan malo".

"A analítica saíu ben, moito mellor do que agardaba", retruco fuxindo do debate. "Ao final todo vai ser cousa do desgaste e a artrose, mais o motor funciona a pleno rendemento", informo para continuar. "Cando viñeches a primeira vez ata aquí, deixaches unha lista que leo case todos os días. Nela enumerabas varios achaques ata rematar resumindo todo nun '...en definitiva, un desastre'. Xa ves que a frase ao final non é moi acaída para a túa saúde, pero ben podemos empregala para definir os tempos que nos tocaron vivir".

Comentarios