Opinión

A última palabra

Sempre fun un firme defensor dos espazos de liberdade que agroman no local para mudar o estado das cousas. Os intereses dos menos, a manipulación de determinados grupos de comunicación e a corrupción deixan un ronsel que fica retratado nas distancias curtas da veciñanza. É alí, no corpo a corpo dos problemas, onde a mentira virtual báñase en coiros diante da xente, perde a súa razón de ser e pode ser derrotada. Non hai como coñecer ás persoas de preto para entender que se hai un David cunha posibilidade diante de Goliat é na vila que habitas.

Sada non é unha excepción. O seu Goliat foi Moncho "es Mucho", Alcalde ininterrompido do Concello durante 24 anos, íntimo amigo de Don Manuel, representante do ladrillo e home de Confianza do Pazo de Meirás. Soñou con facer de Sada a Marbella galega, guiándose na súa encomenda polo retrato de Franco que colgaba no seu despacho e do cal dicía "foi o noso mellor promotor turístico". A Moncho confrontouno Crisanto, un bo e xeneroso que teceu sen sectarismos un fío de esperanza dende a esquerda na comarca das Mariñas, e que anticipou coa súa derrota a vitoria de Abel anos despois á cabeza dunha candidatura do BNG. As remudas sempre enfrontan resistencias e así foi como Abel, cun rol importante na democratización do Concello, sufriu no seu primeiro mandato unha moción de censura pouco despois de chegar ao consistorio. Un representante do PSOE daríalle a Moncho, con moita contestación social, unha prórroga de tres anos que as urnas lle negaran.

A historia acontece dúas veces, a primeira como traxedia e a segunda como farsa. Hai uns días decidín visitar ao Benito, rexedor municipal de "Sada Maioría" dende 2015, por mor dunha moción de censura contra natura que representantes electos do PP, PSOE e Alternativa dos Veciños presentaron contra o seu goberno. A pesar de que percibín un grande apoio nas rúas ao seu Alcalde, que axudou a recuperar o Pazo de Meirás para o pobo, as pantasmas do pasado agroman con diferentes caras e as mesmas razóns que hai case dúas décadas. Algúns semellan esquecer, unha vez máis, que dentro de seis meses a xente terá a última palabra.

Comentarios