Opinión

A planta carnívora

Até hai uns anos era frecuente ver na prensa imaxes dalgún supermercado desprovisto de produtos de consumo básico, para ilustrar a carencia de calquera país que decidira desafiar os mandamentos do gran capital. Ese era un dos prezos a pagar por cuestionar o dogma neoliberal. Unha estratexia que non semella agora tan incontestable cando podemos verificar os problemas de abastecemento que día si e día tamén temos na automoción, no sector tecnolóxico, na construción, no sector da imprenta, nas farmacias ou na alimentación en Galiza e noutras partes do mundo.

A versión oficial di que a pandemia veu parar as cadeas de produción que non deron abasto diante da falla de stock, cando houbo unha reactivación da demanda. Nada comenta da crise estrutural do sistema sen propósito de emenda, das consecuencias da preponderancia dun modelo especulativo sobre o produtivo, da precarización das traballadoras na cadea de distribución ou da limitación dunha produción localizada con graves impactos medioambientais. Tampouco sobre o límite de materias primas ou do control que exercen determinados oligopolios no acceso á enerxía.

Se o mercado precisa expandirse permanentemente con vocación de planta carnívora, cómpre preguntarnos se iso pode ser compatible cos límites do planeta e do seu ecosistema. Tamén se podemos seguir a falar de evitar o cambio climático cun modelo económico que semella non poder prescindir del para sobrevivir.

Nos días do medo como cantaba Das Kapital, “todo esta roto, tamén os cristais do tempo”. Cun capitalismo que é quen de facer negocio da súa propia enfermidade, non debera estrañarnos o emprego de certa dose dese temor para dar unha nova volta de torca ao que nos trouxo aquí. Caldo de cultivo para ser usado tamén, como fin político en si mesmo por aqueles que anhelan viaxar ao pasado cada 20-N. Aconteceu hai case un século e, con todos os matices do presente, pode volver pasar noventa anos despois. “Ruído negro, ruído negro. Na total indixencia da vida, agora e aquí”.

Comentarios