Opinión

A danza da fraga

A vida ás veces manda tocar as campás para avisarnos que non é infinda. Acontece por exemplo coa percepción do paso do tempo. Diversas teorías intentan explicar as razóns polas que, a medida que nos facemos maiores, o transcurso vital acelérase transformando os anos en meses e estes en semanas. Non deixa de ser un paradoxo que isto aconteza nas últimas décadas da nosa existencia en comparación cos nosos primeiros anos onde un verán era un universo de experiencias e aprendizaxe.

A pandemia provocou millóns de mortes no planeta e tamén roubounos anos de vida. Os confinamentos, as restricións e o distanciamento social impactaron nas condicións físicas e psíquicas do conxunto da cidadanía provocando a nivel estatal, no segmento dos máis novos, un aumento dun 50% nos trastornos da saúde mental. Na mocidade que se atopa entre os 15 e os 29 anos o suicidio é nestes intres a segunda causa de falecemento, tan só superada polo cáncer. A interrupción da socialización, o illamento, o abuso das novas tecnoloxías e a imposibilidade de facer actividade física viñeron sumarse, nalgúns casos, a situacións previas de abusos, maltrato ou risco de exclusión social. Ansiedade, depresión, déficit de atención, trastornos de conducta ou somatizacións diversas son algúns dos casos atendidos nas diferentes consultas da Sanidade Pública. Nos cadros anímicos existe unha distorsión do paso do tempo que dilata as horas. O que para moitos adultos foron uns meses de pandemia dun par de anos para a mocidade foi un sexenio que interrompeu a súa maduración e a fixo enfermar.

Agora que os días de luz son máis longos e comezamos a recoñecérmonos polas facianas quería escribir do estío e os meus fillos. Non puiden facelo, hipnotizado polo debuxo que me regalou Xulia hai unhas semanas na consulta, despois dun ingreso hospitalario en Psiquiatría. Unha nena danza no medio da fraga cos ollos pechados e un sorriso. Leva un vestido verde herba que remata nuns pés descalzos sobre un círculo de cores cálidas. Máis aló, todo o que a rodea, incluído o ceo, está pintado de negro.

Comentarios