Opinión

O futuro depende de nós: actuemos agora para defender a nosa vida

Nos últimos tempos, coa luz acadando máximos históricos, a gasolina a case 2€ o litro ou un cesto da compra cada vez máis e máis caro, a mocidade galega vemos como cada día é máis complicado vivir. Non vivir dignamente, simplemente vivir. As mozas e mozos deste país vemos como os prezos soben e a nosa calidade de vida baixa, mentres, nin o goberno da Xunta do Partido Popular nin o goberno do Estado propoñen medidas reais para solucionar a nosa precariedade.

A nosa situación actual non é fácil de asumir. Os traballos aos que podemos acceder son precarios, temporais, mal pagados ou mediante bolsas que simplemente serven para explotarnos aínda máis. Iso as que temos a oportunidade de atopar un traballo no país, porque a alternativa neste momento é buscarmos a vida fóra: na última década foron case 80.000 mozas e mozos de entre 16 e 29 anos as que se viron na obriga de emigrar na procura dun futuro lonxe da nosa terra. Mentres tanto, o goberno, no canto de crear un plan de emprego xuvenil que garanta a nosa inserción laboral, dedicouse a consolidar unha reforma laboral que nin avanza en dereitos para a clase traballadora nin recupera os que xa estaban perdidos.

E por desgraza non é só a falta de emprego, porque a mocidade galega tampouco temos un teito baixo o que acollernos e cando o temos cáenos literalmente enriba. Os datos son demoledores: a mocidade galega, se queremos independizarnos, ha de deixar case un 60% do seu soldo en poder facelo. De media o prezo do aluguer subiu 100€ no último ano e ata un 70% das mozas e mozos deste país teñen que seguir vivindo nas casas familiares por non poder permitirse acceder a unha vivenda propia. Mentres tanto, o goberno, no canto de ampliar a bolsa de vivenda pública ou intervir o sector inmobiliario, dedicouse a poñer parches como o bono de axuda ao alugueiro ao que no noso país non podían acceder nin o 2% das mozas e mozos.

Deliberadamente négannos os nosos dereitos para manter intactos os intereses dos grandes poderes económicos

E suma e segue: privatización do ensino coa creación da universidade privada de Abanca, un transporte público que non vertebra o país como debería e que nos fai depender do coche -outro gasto inasumíbel-, unhas bolsas de estudo que a día de hoxe non chegan a nada, unha sanidade pública desmantelada… e un longo, longo etcétera. Mentres tanto, o goberno, no canto de propoñer solucións reais e medidas estruturais para reverter a situación, dedicouse a incrementar ata o 2% do PIB o gasto militar porque parece que é moito mellor investir os cartos en poder poñer bombas que en que a sociedade deixe de pasar fame.

Deliberadamente négannos os nosos dereitos para manter intactos os intereses dos grandes poderes económicos. E o resultado é o noso día a día: pasan os anos e non temos posibilidade de formular que proxecto de vida queremos, non temos posibilidade nin de soñar co futuro digno que merecemos. Que plan de vida buscamos? Conformámonos con sobrevivir, e seguir adiante, encaixando nun sistema que nos ofrece o xusto?

A nosa situación actual non é nada fácil de asumir e cada día faise máis evidente que ou nos mobilizamos e demandamos alternativas ou cada vez é máis complicado ter un futuro na nosa terra. En Galiza Nova temos claro que hai alternativas, temos claro que debemos saír á rúa a demandar medidas reais que garantan a nosa inserción laboral, que revertan a situación da emigración forzosa ou que nos faciliten o acceso a unha vivenda digna.

As mozas e mozos deste país queremos vivir, non sobrevivir. Por iso sairemos á rúa todas as veces que sexa necesario, para demandarlle aos gobernos da Xunta e do Estado, culpábeis da nosa situación, medidas reais que garantan a vida digna que merecemos.

Para frear a suba desorbitada dos prezos, para frear a nosa perda de poder adquisitivo e para defender a nosa vida mobilizarémonos o vindeiro 18 de decembro en Compostela, para demostrar a necesidade de cambios para mellorar a vida da sociedade galega e para demostrar que hai alternativas para facer valer Galiza.

Comentarios