Opinión

Valados

Escribe Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano que un valado é un muro de terra para dividir propiedades ou contornar corredoiras e congostras. Este nome común está na orixe do topónimo Valadares.

Cando poñemos Valadares en Google, lévanos ao concello de Vigo. Mais existe outro, no concello de Outes: San Miguel de Valadares. Alí celebran a romaría de San Campio, ben coñecido dos veciños do sur, que porfían na propiedade do santo até parir o dito: “San Campio é noso”. É o Valadares de Outes o que podemos atopar documentado xa con esta grafía no ano 1150: “sub aula domus Sancti Michaelis de Valadares”.

Hoxe o nome de Valadares anda polo mundo adiante, estampado na porcelana sanitaria. Trátase dunha  fábrica portuguesa que se remonta ao ano 1921, na freguesía de Valadares, en Vila Nova de Gaia.

O topónimo volveu á miña cabeza o sábado 25 na I Xornada de debate e reflexión sobre a lingua no ensino organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG ao escoitar a magnífica conferencia titulada “A lingua galega no ensino: acomodación ou normalización?” da doutora Pilar García Negro. Unha das súas afirmacións foi  que “non debemos sucumbir ante os preconceptos do alumnado”. A rapazada é produto da sociedade e coma ela utiliza un galego deturpado pola presión do castelán, un xeito de falar naturalizado até o extremo de enarborar como correcta unha forma espúrea como é a castelanización do topónimo Valadares, e iso malia a contradición de considerar que o seu galego non é correcto (cousas veredes).

Así foi un día, case sucumbo ante a teimosía do alumnado en me negar a realidade. Mais era eu soa loitando contra unha sinaléctica ilegal ou a ignorancia arrogante de quen se nega a colocar o nome correcto nas denominacións de entidades que levan o nome da parroquia máis alá dos seus muros. Mais non temades, hei volver falar do tema e, xa sexa con argumentos, xa sexa coa emoción, procurarei reconstruír os valados que os prexuízos teiman en derrubar.

Comentarios