Opinión

Resaca electoral

Días despois as análises xa foron feitas. Como que esta campaña decorreu para dous partidos en chave estatal, coma unhas prexerais, análise que foi ratificada por un presidente do goberno español que convocou eleccións xerais no prazo máis curto posíbel, tentando aproveitar a vantaxe que isto lle poida dar sobre outras marcas políticas que aínda non saben nin cantos son. Ou que entre o electorado chamado indeciso, que decide en función da campaña electoral, calaron mensaxes como as construídas ao redor das candidaturas de Bildu ou contra a lei do só si é si. Mensaxes directas e non construtivas que levan atrás de si o discurso das promesas de sempre que nunca se cumpren. "Eu non vou deixar de traballar mentres haxa un solo galego que quere traballar e aínda non pode facelo", di Rueda, mesturando galego e castelán no vídeo promocional da súa web. Entón, até agora non traballou, pois hai non un, nin cen, senón milleiros de galegos, e galegas tamén, que están desexando traballar, nomeadamente mozas e mozos que, despois de se esforzaren persoal e economicamente para obter un título, ven agora como non lles serve de nada, pois non conseguen traballo ou se o conseguen non é na área en que se formaron. Moitos e moitas acaban sometidos a contratos en fraude de lei que non se atreven a denunciar, con salarios mínimos, ou emigran buscando, coma os seus pais e avós, unha vida mellor.

Así que queda patente que o señor Rueda suspende no apartado de lectura, pois non leu o que tiña que ler para este exame, os datos da EPA, que claros e contundentes mostran como o paro aumenta a súa porcentaxe entre as persoas máis novas, coas mulleres á fronte das cifras en todos os tramos de idade.
Poderiamos seguir analizando como foron os discursos de campaña, mesmo facer públicas as mentiras coas que se fixo unha campaña oculta e efectiva, de moita transcendencia nas vilas. Mais o feito catro anos antes é a mellor evidencia. Non o esquezamos, que volvemos ter que votar nunhas semanas.

Comentarios