Opinión

A propósito de textos descubertos

Esta semana saltaba a nova da descuberta duns dous mil documentos de Fernando Pessoa

Esta semana saltaba a nova da descuberta duns dous mil documentos de Fernando Pessoa, dous mil documentos! E volvín facerme as mesmas preguntas de sempre.

Cada vez que se descobre ou usa un texto que o autor ou a autora, falecidos xa, deixaron sen publicar, volvo ao mesmo, volvo lembrar a Rosalía de Castro mandando queimar os textos que quedaban. Por que? Por que eliminar o que queda e xa non estará na man da autora? por que non facelo. Até que punto poden ou deben ser publicados eses textos se en vida a autora non destinou a ser publicados, con que autoridade actúa a descendencia?. E preciso, os textos que o autor, a autora non destinou a ser publicados, que mantivo, voluntariamente, no ámbito privado.

Mais a pregunta permanece. Querería o autor, a autora que eses textos visen a luz?

Despois lembro a mercantilización das lembranzas, esas poxas millonarias en que os sentimentos do autor, da persoa por tanto, quedan expostos, como aquela carta de Joyce á súa muller, o erotismo cuantificado: 210.000 € en 2004. E fíxome reflexionar, escribir, sobre os textos escritos para non ser publicados (si, ás veces escribimos sen que o destino da escrita sexa a publicación), alguén tentará editalos un día? 

Hai semanas lía a introdución que Marcela Nogueira (sobriña de Pessoa) fai ao libro Cartas de amor de Ofélia a Fernando Pessoa. Comeza lembrando a reacción da súa nai, Teca, a irmá de Pessoa que se carteou co seu biógrafo Hubert Jennings, ante a publicación das Cartas de Amor de Fernando Pessoa pola familia de Ofélia en 1978: “como é possível publicá-las sem que a familia de Fernando Pessoa seja ouvida?”. Unha reflexión que lle serve ao mesmo tempo para xustificar a publicación das cartas de Ofelia, pois parte da base de que tarde ou cedo se publicarán, e prefere estar implicada nesa publicación.

Mais a pregunta permanece. Querería o autor, a autora que eses textos visen a luz?

Non o saberemos máis. 

Con todo, algún dos poemas de Pessoa que permanecían ocultos nesa caixa abandonada nun garaxe, prenden novas luces sobre o poeta. 

En calquera caso, é outra forma de vivir, de ser inmortal na memoria das lectoras e dos lectores, ansiosos sempre de alimentar a nosa imaxinación. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios