Opinión

Negrura loba

Ás veces as redes sociais convértense na rede que nos recolle cando os cabos do trapecio rachan pola podredume. Algo así está a suceder estes días, en que as imaxes do país ardendo retratan as nosas preocupacións, mentres desabafamos ante tanta incompetencia. A min o que me vén á cabeza son os versos de Novoneyra, coma estes dos Eidos cos que titulo esta columna:

"FOI coma se caira nunha cova.
Antes era noite i era día
Agora é todo unha negrura loba".

Versos de onte que poden pór palabras ao que a xente sente hoxe.

Desesperadas, abalamos entre a pregunta, por que?, e a resignación, ía pasar. E é que pode ser que non estea na man de quen ten a responsabilidade neutralizar a chispa que prende o lume, máis si desenvolver unha política de prevención axeitada que inclúa a eliminación de especies foráneas, maioritariamente pirófitas, ou a dotación de medios suficientes co tempo necesario, algo que os propios afectados polas lapas denuncian, mentres explican que se teñen que enfrontar eles mesmos ao lume, tamén porque son os que coñecen o terreo. Non é nada novo, xa foi así nos lumes de anos anteriores.

Leo no artigo da xornalista e poeta courelá Nieves Neira as palabras dun veciño: "Semella que queren que desapareza todo isto". É a sensación que lles produce a deficiente xestión que comproban ao pé do terreo. E logo están as ideas que difunden os faladoiros que, como sabemos, teñen a función de crear opinión pública: o problema é a falta de industrialización da biomasa, hai que seguir o modelo de Finlandia, o problema é a xestión actual do monte... Din e aproveitan para atacar a propiedade comunal do monte, esa singularidade que herdamos dos antergos. Daquela é o momento de preguntar: a quen beneficia isto? (por certo, reflexión que podemos aplicar a outras políticas como a sanitaria, a social).

Remato apropiándome das palabras da poeta da Pobra do Brollón, Olga Novo, que viaxan polas redes coma un esconxuro: "chegará o día en que sobre as miñas cinsas abrollará a vida".

Comentarios