Opinión

Moda galega

Hai vinte anos que María Reimóndez publicou o seu libro Moda galega. Eu aínda lembro cando a escoitei recitar por primeira vez, xusto poemas dese libro, na Universidade de Vigo. Impactoume. Vinte anos despois sigo recomendando a lectura deste volume.

Semanas atrás contáballe a ela que o meu alumnado queda encantado co libro. Gústalle, séntese identificado, de feito, o poema que figura na antoloxía que publiquei con Chan da Pólvora en setembro foi “elixido” polas miñas alumnas, pois recollín o que elas sinalaron como o poema que máis lles gustara ou co que máis se identificaran. María sorprendeuse de que o libro seguise dialogando coa mocidade de hoxe. Mais así é. E por que non había de ser? 

Penso no poema co que ilustro a recomendación do libro, ese “Príncipe no Nadal” que mesmo pode resumir a actual situación das traballadoras de Inditex que, nestes días, volven mobilizarse contra unha situación dobremente discriminatoria.

O poema de Reimóndez segue describindo a realidade de hoxe en calquera tenda dunha cidade: “unha morea de mulleres /que fan horas interminables /ata acabar /por case empaquetarse /a si mesmas”, “... alguén cre aínda /que lles van paga-las /horas extras, /os pés rotos /ou a falla de posibilidades /de mellorar /no mercado laboral?”.

Vinte anos son tamén os que leva nesa empresa “modélica” Carme Naveira, a traballadora que fala por ela e por todas as súas compañeiras e di alto e claro que a dobre discriminación que están a sufrir hoxe é polo feito de seren mulleres, “las niñas” eternamente novas que atenden as tendas, que pasan horas e horas de pé, sen mellorar, aínda, no mercado laboral que lles paga salarios cos que non conseguen chegar a fin de mes, mentres lles esixen, ademais, un aspecto impecábel segundo o seu criterio.

A industria da moda, patriarcalísima, discrimina as súas traballadoras, dítanos ás clientas como deben ser os nosos corpos e os nosos gustos, mentres o patrón se fai rico á nosa conta (aínda que teña nome de muller).

Comentarios