Opinión

Machismo presidencial

Esta semana participei en dúas reunións en que rematamos tratando o mesmo, a forma en que nos falan, comunicacións en que subxace a falta de respecto por nós(outras) como persoas e como traballador(a)s. Sucede en varias profesións. Así o denunciaba un cartel difundido desde CIG-Saúde no 8-M, un cartel que, na mesma liña ou similar, poderiamos facer as docentes, reclamando que se dirixan a nós con respecto e se desterren determinadas expresións como "guapa, nena, neniña, señorita..." que escoitamos dos nosos superiores, delegados ou inspectores, por exemplo, e dos nosos compañeiros ou alumnos, que se sitúan respecto de nós nunha escala en que as profes, as mulleres docentes, sempre estamos por baixo, nunha profesión en que a nosa presenza é maioritaria.

Como profe de lingua diría que temos un problema de rexistro, si, iso que explicamos varias veces ao longo das diferentes etapas e que, como vemos, non foi debidamente interiorizado (velaí unha eiva na competencia de comunicación lingüística). E o caso é que este comportamento que, ademais, transloce falta de respecto, mesmo misoxinia, acada as máis altas institucións: "cando marche éntralle unha crise de ansiedade".

Entendo que saben a que me refiro, mais, por se non, explico. Esta foi a resposta que o presidente do Goberno lle deu á líder da oposición, Ana Pontón, no Parlamento, despois de que ela o interpelara por dedicar o seu tempo a facer campaña de cara ao seu partido e ensaiar como voceiro da oposición a Sánchez, en lugar de centrarse en adoptar medidas reais fronte á crítica situación económica actual. Por outro lado, a fraseciña deixa ás claras que clase de persoa é quen a utiliza. E como pensa. Mais, tranquilas, que os medios de comunicación ao servizo do seu amo xa se encargaron de non reproducir estas "ocorrentes" palabras (segundo Google soamente Nós Diario recolleu esa intervención).

Por certo, repararon en que a frase do presidente é un eufemismo do clásico machista "histérica"? Así nos falan.

Comentarios