Opinión

Lectoras vs crítica

Circula un meme feito coa foto de Mª Teresa Horta e esta afirmación súa: "As mulheres para chegarem aos editores tinham de usar nomes masculinos. Tinham de escrever de maneira que não se percebesse o seu feminino". Pertence á entrevista que en xuño de 2012 lle foi realizada na RTP. A cadea presenta a entrevista como biográfica e a propósito dos seus libros As Luzes de Leonor e Palavras do Corpo, libro este que recolle a súa poesía erótica. Nese mesmo inicio da entrevista deixa constancia de que a temática da poesía erótica estaba vedada ás mulleres, estaba e está á altura de 2012.

Nesa entrevista, Horta ten 75 anos. Atrás queda a persecución á que ela e as outras dúas Marías, Barreno e Velho da Costa, foran sometidas nos estertores da ditadura salazarista. As tres autoras e a editora, Natalia Correia, a quen esixían especificar quen escribira cada un dos treitos do libro, a fin de castigar os seus excesos de liberdade lingüística.

E ela que viviu os interrogatorios da PIDE di, apenas hai dez anos, que "todo o que é erótico... todo o que tenha prazeres, prazer físico, prazer do corpo [...] esse campo continua a ser uma coisa masculina [...] ainda hoje e ainda hoje a mulher que escreve, que entra dentro desse campo sente que há uma penalização muito grande acima dela [...] sente incômodo [...] ao ponto de vista dos académicos, dos críticos, das pessoas, que não os leitores que gostam de essa poetisa, essa escritora...".

Coido que estas palabras resumen ben unha realidade á que acabamos de asistir de novo estes días, cando, despois de ler a novela, lemos a recensión. Semella que falásemos de dous libros diferentes. A obra que carece de "valores literarios", segundo o crítico, e a novela que nos sorprendeu e fixo pensar a persoas de diversas procedencias e idades. Hai un abismo entre as lectoras e o crítico. Mais, como di Horta, nosoutras imos seguir lendo e celebrando a obra das nosas coetáneas máis comprometidas. É o que queremos. É o que cómpre. Seremos multitudes.

Comentarios