Opinión

Golpe cenital

Din que a Esquilo, o pai da traxedia, o Oráculo lle anunciou que morrería esmagado por unha casa. El retirouse a Sicilia, non se sabe se fuxindo de oráculos ou empurrado pola frustración ou as críticas e alí a morte caeulle do ceo. Non morreu esmagado, mais a “casa” dun sapoconcho do que descoñecementos as dimensións caeu do pico dun voitre mentres durmía despreocupado.

O seu discípulo Sófocles escribiu xustamente sobre a imposibilidade de evitar a fatalidade, refírome, claro, a Edipo, arquetipo do heroe tráxico que non vencerá o seu destino e por máis que se aparte do seu mundo acaba topando co que o oráculo ditaminara.

Quen sabe se nestes días non estaremos asistindo xustamente a unha fuxida coma as mencionadas.

O certo é que nos primeiros días do ano preguntabámonos se as eleccións se celebrarían ao remate da lexislatura, se se adiantarían ou se se verían condicionadas polas convocatorias que se realizasen noutras nacións. Mais estes días, eu polo menos, andaba distraída co coronavirus (que oportunos os andazos que nos enchen de preocupación e nos distraen dos problemas que nos dan de comer) e mentres prestaba atención ao número de mortos e facía seguimento de onde ían aparecendo novos contaxios, zas!, adianto electoral, para mañá, seguro que para que non perdamos ese ritmo de votar cada poucos meses que nos puxeron o ano pasado.

Non pretendo eu comparar o actual presidente cos citados persoeiros, non, por favor, nin as sondaxes acertan tanto coma o Oráculo. Mais a min este adianto aseméllaseme a cando Esquilo fuxiu dos lugares edificados evitando a predición e, aínda así, atopou a morte igualmente porque casas hainas de moitos xeitos e derrubar é un movemento vertical que se asemella a un golpe que cae do ceo.

Por iso penso que, este adianto electoral, talvez pretende ser un golpe de efecto que derrube as predicións dalgunhas enquisas. Mais é posíbel que nin así se poida evitar o desexo do Oráculo, interpretado para esta ocasión, polo pobo galego.

Comentarios