Opinión

Globos antidemocráticos

A alongada sombra da Transición española segue proxectándose contra o presente. A permisividade política de entón deixounos en herdanza a ousadía antidemocrática de vetar determinadas organizacións políticas.

Desde hai días fun seguindo o fío do que pasaba en Betanzos. Primeiro foi a violencia contra a portavoz do BNG exercida a través dunha campaña de boicot ao negocio da súa familia e desprestixio do seu labor como docente, que culminou co insulto na rúa e diante das propias fillas (de que nos soan estas reaccións?). O motivo, a decisión de modificar o obsoleto e sexista acto de proclamación da raíña das festas. Modificalo, non eliminalo.

Non lembro que a denuncia desa actitude antidemocrática coa concelleira do BNG tivese eco nos medios públicos galegos. O que si tivo eco nestes medios, día si e día tamén, foi  a  decepción veciñal porque non ía voar o globo. O globo que todos cualifican de tradición e que está en mans da familia Pita, que se erixen así en anacrónicos señores feudais do Globo de San Roque e din taxativamente que non renuncian á súa propiedade.

Eu xa intuín que o problema non era de tempo, senón de empinchas antidemocráticas. As que lle saen a quen non acepta que no acordo de investidura para a alcaldía de Betanzos se recollese que se modificarían os estatutos dando cabida a un representante de cada grupo municipal, daquela, tamén ao BNG, na Fundación Globo de San Roque. Xaime Pita, que comeza falando de atrasos nos pagos, dos que se decataron agora, ou que o BNG votou en contra da creación da Fundación (el que foi conselleiro de Fraga, quen fixo un voto particular sobre as autonomías e logo non tivo problema para presidir a de Galiza), deixa claro que o que non quere é o BNG na Fundación, até o punto de dicir que fixo mal os estatutos.

Parece un feito local, mais é un feito simbólico representado por un globo. E os globos, se os deixamos voar sen máis, acaban por se converter en lixo que emporca a atmosfera, ese lugar en que respiramos.

Comentarios