Opinión

Futuro

“A mocidade non é o futuro” así comezaba o seu discurso o Secretario Nacional de Galiza Nova na Quintana o pasado 25 de xullo. Paulo Ríos afirmou: “somos o presente” e a seguir detallou a  situación da mocidade galega.

Concordo coa súa negativa, pois chamarlles futuro é a táctica perfecta dunha sociedade que non asume a súa responsabilidade, é unha forma de adiar a solución e mirar para outro lado até que o paso do tempo enterre o problema. Mentres, moitos dos que poñen o foco na mocidade fano para culpabilizala do seu desánimo, da frustración e mesmo da situación actual, atribuíndolles en exclusiva a falta de responsabilidade social, coma se ese andazo coñecese idades e non estivese enraizado nos adultos que son o espello en que os máis novos se miran. Unha irresponsabilidade dos adultos que non asumen que son as xeracións máis vellas as que trouxeron o mundo a este punto desesperante.

Mozas e mozos que conseguen formarse co seu esforzo persoal e o das súas familias, mais que se ven na necesidade de emigrar para procurar un traballo non demasiado indigno, igual que fixeron os seus pais e os seus avós nun país empobrecido e abandonado por gobernos centrais sempre insolidarios. Mozas e mozos que non emigran e se consomen vendo pasar os días sen poder emanciparse e coa certeza de que a xubilación será unha lotería que non imaxinan se lles chegará, nin se lles abondará. E isto, xunto co momento histórico que lles toca vivir, é o máis terríbel andazo, un andazo de consecuencias indesexábeis. Mais o goberno galego, en lugar de aplicar un tratamento axeitado, ponlle sambesugas ao enfermo, sángrao.

En Cataluña, a organización xuvenil Arran creou o iceberg do malestar xuvenil, unha imaxe moi ilustrativa de cales son as raíces en que se nutre a presión, a angustia, a dependencia e mesmo o suicidio. Parto, precariedade, crises económicas encadeadas, covid, confinamento, ausencia de perspectivas de futuro.

Non, a mocidade é presente, ten que ser, ten que TER presente.

Comentarios