sábado 24/10/20

Fraseoloxía

Dixo Xurxo Souto esta semana: “Tirade o dicionario ao mar! Que colla unha boa molladura!”.

Porque no dicionario da Academia non atoparemos cousas que aínda dicimos todos os días as que temos un pé no mar.

Veña un exemplo. Andei eu estes días a preguntar pola frase: “tu por tu, maraghota e media”, que sempre así se dixo na miña casa. Moitas persoas responderon. E así conseguimos concluír que a maragota é a protagonista de dúas frases que teñen matices diferentes. Uns dicimos: “Tu por tu...” para sinalarlle a alguén que non está sendo respectuoso con outro; outros din: “tal para cal...” para significar equivalencia na forma de proceder de dúas persoas, como recolleu neste xornal Harguindey.

O caso é que a expresión non aparece no dicionario da Academia. Vaia chasco (e non falo do “chaschás por aí ben vas”). Por iso, ao ler a Souto eu tamén penso que o dicionario ten que levar unha boa molladura. Mergúllese o dicionario e recolla na patela as palabras que aínda lembramos, como alestir (“reparar os palangres”) e tantas outras que, antes de que caian en desuso total, algunhas persoas imos coleccionando en lugares como “Palabras con memoria”, unha ferramenta da AELG que puxo en marcha no seu día o apreciado Isidro Novo e que vos convido a visitar (https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria).

Mais quixera insistir na importancia das paremias, un capítulo especialmente danado da nosa lingua. Cómpre manter vivas as expresións de noso que deberían estar inzando o rexistro coloquial. Porque, todo o que cae na rede é peixe, así que, calquera ferramenta que poida mellorar o noso uso da lingua, non só vai alargar o noso coñecemento, senón que tamén vai redundar na vitalidade do idioma. Aínda máis, coleccionar fraseoloxía é un enredo proveitoso e pracenteiro. Só hai que botar o engado e cada un de nós irá halando da súa memoria cando e como escoitou esas palabras ou outras semellantes e, dese xeito, iremos desenleando o palangre da riqueza léxica e abonando a fala do futuro.


 

comentarios