Opinión

Fillas poetas

Pregúntome se na Unesco coñecían as palabras de Ki no Tsurayuki cando acordaron que a data do equinoccio de primavera no hemisferio Norte fose o Día Mundial da Poesía. No ano 911, no prólogo do Kokinshuu, colección de 1.111 poemas encargada polo emperador Daigo, o xaponés escribe que a poesía "ten a súa semente no corazón humano en que prende até crecer nas follas das incontábeis palabras". Unha metáfora vexetal que nos fai pensar nas flores do verde pino de Don Dinís ou nos lirios de Lucía Novas. Ou reparar en que foi sobre a flor, como símbolo da poesía amábel de circunstancias, sobre a que negou escribir Rosalía de Castro. O libro publicouse en 1880 e nel a poeta exercía a crítica sociopolítica contra as estratexias migratorias do Reino de España.

E é que, realmente, a poesía é un xénero para a expresión das emocións e para a reflexión. Manuel María escribiu: "A palabra nomea e crea as cousas, /pon orde no mundo" (2001), e Gamoneda: "A palabra foi xeradora de pensamento" (2012). 

Porén, adoita transmitirse unha imaxe da poesía como un xénero minoritario e ao que só poden acceder os iniciados. Lúa Mosquetera así o explica nunha entrevista para ARitmar, que se afastaba dela porque lle parecía un xénero elitista e que a abrazou cando comprobou que podía falar da nosa vida cotiá. Algo que, salvando as distancias, se asemella ás palabras de Mª Xosé Queizán, quen engade que, finalmente, descubriu que tamén a través da palabra poética podía darlle a volta ao mundo.

Cómpre afondar nesta desmitificación. Ler e comprobar que hoxe Galiza ten unha potente poesía social e crítica, que analiza e cuestiona esta sociedade, que a combate e crea multitudes para transformala. Chamámoslle poesía escrita por mulleres, mais como a de Rosalía é intensamente política. Coma ese poema de Nuria Vilán gravado en plena rúa, en que "medran flores regadas de fluídos" e aos que calan deséxalles fillas poetas para que saiban o que é ser negada e silenciada por ser crítica e ter unha opinión.

Comentarios