Opinión

Esperanza

Cada certo tempo recunco na mesma preocupación: a resistencia dos prexuízos contra a nosa lingua, o seu mantemento no tempo. Bato con eles nas aulas moitas veces. E non só, até os atopamos nos medios de comunicación, como o outro día, cando alguén fixo correr polas redes unha nova entrega da temática zombi: o galego pechado.

Que no século XXI leamos nun xornal este tipo de cousas é máis que preocupante. Porque por un lado, unha pregúntase como é posíbel que alguén pase polo sistema educativo e saia del atrevéndose a usar tal afirmación, e non, non hai escusa que valla. Mais polo outro, tamén se pregunta que papel xoga o medio en que tal afirmación se recolle, cal é a súa posición respecto do idioma. Está claro que, neste segundo caso, o titulo IV da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística xa non é papel mollado, é definitivamente auga que se evaporou. Iso si, Goberno e medios procuran cumprir ao seu xeito o artigo 19, do que borraron as palabras habitual e progresivo, porque se non as borrasen, algúns medios, como o que recolle a nova antedita, non recibiría subvención ningunha.

Nestas circunstancias tiramos de humor. O mellor recurso para superar situacións terroríficas. Como facemos coa morte.

En todo caso, estas ideas zombis casan moi ben co cinismo lingüístico. Si, refírome á actitude de quen reduciu a presenza da nosa lingua no ensino ou no acceso á función pública e deixa de usala á máis mínima oportunidade, mais cando pon a chaqueta de falar na celebración das Letras galegas, leva un discurso escrito en que enxalza a figura de Carvalho e ousa dicir que seguindo a senda de Don Ricardo o Goberno “ten como eixo desta Lexislatura a potenciación da transmisión interxeracional do galego... e a vivencia da lingua na mocidade”. Cousas leredes!

E aquí é cando eu lembro a máxima que enarborou o autor do Auto do prisioneiro e fágoa miña: cómpre esperar contra toda esperanza, pois non nos suicidaremos como pobo e rectificaremos a historia, o futuro do noso idioma.

Comentarios