Opinión

Ensaio xeral

Nestes días vénme a cabeza aquela película que fun ver por erro un día de verán. Lembro unha imaxe dunha casa ao lonxe nun día soleado e un home ferido en primeiro plano. Lembro que a xente que aínda estaba sa pechábase e aseguraba con táboas portas e ventás para que as persoas infectadas non puidesen entrar.

E síntome un pouco así, no medio da apocalipse zombie, rodeada de mensaxes que xa nin vexo porque sei que son alimento para o pánico, persoas comprando compulsivamente, andeis baleiros, pilas de caixas de encargos desde as casas... Improvisación, desinformación. E caos.

Non queren que se colapsen as urxencias, mais van colapsar a economía para entrar nunha nova recesión que nos van facer comer con patacas a nós, coma sempre, ás persoas ás que xa se nos están a modificar as condicións de traballo por mor da pandemia, vítimas que non nos imos recuperar.  Traballadores que teñen que asinar declaracións de se viaxaron e a onde, outros que son enviados a casa a facer teletraballo sen lle pór as medidas necesarias para que poidan facelo, noutros lugares mandan a xente de vacacións ou a un ere e a quen se atopa mal dinlle que quede na casa sen arbitrar as medidas necesarias para que reciba a baixa médica por un método que non sexa presencial. Péchanse os centros educativos e de maiores e nada se di da obriga de coidar das nosas crianzas e avós e avoas, coma se estes puidesen ir para a casa sen que ninguén teña conta deles. Educación ordena que o profesorado acuda a uns centros educativos que non se desinfectan, aproveitando para nos incrementar unha burocracia que xa nos sae polas orellas.

E Trump felicitándose porque xa pode pechar as fronteiras sen que ninguén lle diga nada. E porque China tamén as pecha e así se vai modificando aos poucos a balanza comercial.

Eu, insisto, sinto que estamos no ensaio xeral, o que non sei é de que, da crise económica definitiva?, da selección xeracional e étnica? Do exterminio final?

Atendan ás súas pantallas e non se toquen.

Comentarios